Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG celebra o Día da Galiza Mártir cunha homenaxe ás persoas represaliadas en Lourenzá

A Mariña, 13 de agosto de 2014. Coma cada 17 de agosto, o BNG conmemora o Día da Galiza Mártir, data na que se recorda o asasinato de Alexandre Bóveda a mans do fascismo no ano 1936. Para a formación nacionalista “esta data debe ter un lugar sinalado no noso calendario, xa que conmemora e homenaxea a todas aquelas persoas que chegaron a dar incluso a súa vida na defensa da liberdade, a igualdade e a xustiza.”

A responsable comarcal, Ana Ermida sinala que “desde o BNG declarámonos herdeiras e herdeiros de todas as persoas que deron o mellor das súas vidas, que foron perseguidas, sinaladas, estigmatizadas e, nalgún caso, asasinadas na defensa dos ideais antifascistas, que loitaron pola liberdade e pola xustiza. Hoxe, coma daquela, é precisa firmeza na defensa da democracia. E, desde o BNG, estamos dispostas a dispostos a loitar sen tregua para que o sacrificio das mulleres e homes que loitaron no ano 36 non fora en balde.”

A formación nacionalista recorda ás persoas que sufriron castigos, represión e incluso a morte a mans do fascismo no 1936 tamén en Lourenzá, onde o caso máis significativo foi o de Luis Trigo Chao (O Gardarríos) que foi abatido, xunto coa súa compañeira, Antonia Díaz Pérez o 24 de xullo do ano 1948, en Lourenzá, despois de anos de loita como guerrilleiro antifranquista.

Pero a lista de nomes de persoas represaliadas é máis ampla nese concello, a comezar pola corporación democrática do ano 36, que foi destituída, expedientando ás persoas que a compoñían; ata o propio, Fernández del Riego, que foi detido sen procesamento xudicial e apartado do seu traballo como profesor universitario.

Esta é a lista coñecida das persoas que sufriron as consecuencias da defensa dun réxime contrario ao fascismo que se instalou no Estado español co golpe militar do 36:

Manuel Palacios Sánchez. Directivo agrarista. Detido sen proceso xudicial.

Donato Ron Sánchez. Médico. Xulgado por rebelión.

Francisco Ron Sánchez. Sacerdote. Xulgado por rebelión.

Pedro Ron Sánchez. Comerciante. Xulgado por rebelión.

Rosendo Ron Sánchez. Concelleiro. Xulgado por rebelión.

Ramón Rivera Bermúdez. Labrador e concelleiro. Expedientado.

Ricardo Cienfuegos. Labrador e concelleiro. Expedientado.

José Díaz Valiña. Labrador e concelleiro. Expedientado.

Antonio López Vidal. Labrador e concelleiro. Expedientado.

Francisco Oural Cabanela. Labrador e concelleiro. Expedientado.

Manuel Ramos Fernández. Concelleiro. Expedientado.

Manuel Vidal Sánchez. Labrador e concelleiro. Expedientado.

José Rodríguez López. Concelleiro. Expedientado.

Máximo Debén Rodríguez. Concelleiro. Expedientado.

Sebastián Solla de Ron. Alcalde. Expedientado.

Ramon Ventoso Rodríguez. Gandeiro. Xulgado por rebelión.

Francisco Fernández del Riego. Profesor universitario. Detención sen procesamento xudicial e perda de emprego.

Jesús Fernández Rodríguez. Vendedor ambulante. Xulgado por rebelión.

Luis Trigo Chao (O Gardarríos). Asasinado pola Garda Civil en Lourenzá o 24 de xullo de 1948

Antonia Díaz Pérez, asasinada pola Garda Civil en Lourenzá o 24 de xullo de 1948

O acto terá lugar o domingo ás 13.00 horas na praza do Conde Santo en Lourenzá.

Exit mobile version