Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cre que o PP quere “alcaldes-caudillo” nos Concellos coa proposta de reforma da lei electoral

outeiro-roldaLugo, 22 de agosto 2014.- O deputado provincial nacionalista Mario Outeiro, acusou este venres ao PP de estar preparando “un pucheirazo” para as eleccións municipais do vindeiro ano coa súa proposta de que goberne a lista máis votada. Mario Outeiro afirmou que o PP quere “cambiar a lei en beneficio propio, non en beneficio da democracia nin da cidadanía”, senón para “blindar e perpetuar no poder aos seus alcaldes con independencia do que a xente vote”, criticou.

A proposta do PP de elección directa de alcalde implica a posta en marcha do modelo de “alcalde-caudillo” e “a negación da pluralidade democrática coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas diferentes que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade”, afirmou o voceiro nacionalista esta mañá na habitual rolda de prensa dos venres logo da Xunta de Goberno provincial, na que compareceu xunto ao voceiro socialista, Manuel Martínez, unha imaxe de pluralidade que, dixo Mario Outeiro, non se produciría coa reforma electoral que propón o PP.

O voceiro do BNG na Deputación dixo que “o PP propón esta reforma da Lei Electoral en beneficio propio, non en beneficio da democracia ou da cidadanía”. Para Mario Outeiro, esta reforma “beneficia claramente ao PP, ao concentrar a maioría dos votos do centro-dereita e extrema-dereita”, fronte ao fraccionamento da esquerda, e beneficia tamén “a un sistema bipartidista onde as minorías desaparecerían”.

“Inconstitucional e antidemocrática”
Mario Outeiro afirmou que “o PP cambia as regras de xogo na metade do partido e faino para seguir no poder, quere cambiar a lei para poder salvar a derrota segura de moitos alcaldes do PP nas eleccións municipais do vindeiro ano”. Criticou ademais que “un futuro alcalde cun miserento respaldo escollido a través desta nova lei tería moitas máis competencias que un alcalde actual con maioría absuluta”.

O portavoz do BNG na Deputación dubidou ademais de que sexa constitucional unha reforma que “dá a maioría absoluta a quen sacou menos da metade dos votos”. “Moitos catedrátidos de dereito din que esa reforma sería anticonstitucional, ademais de que só ten o apoio dun único partido, o que goberna e polo tanto o que aspira a perpetuarse no poder e, por riba non é unha prioridade detectada polos cidadáns en ningunha das enquisas do CIS de entre medio cento de problemas que preocupan á cidadanía”, argumentou Mario Outeiro.

Mario Outeiro tamén se preguntou se “a nova idea lanzada polo PP de realizar unha segunda volta en miles de concellos non entra en contradición cos criterios de austeridade do propio Goberno” e dixo que a reforma plantexada “crea unha gran inestabilidade ou ingobernabilidade xa que teríamos moitos Concellos onde o alcalde non tería o respaldo do pleno para aprobar, entre outras moitas cousas, os Orzamentos”.

Exit mobile version