Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros defenderá no Plano deste xoves que “as veciñas e veciños paguen menos no recibo da auga”

Barreiros, 14 de agosto de 2014. O BNG de Barreiros defenderá no pleno convocado para as seis desta tarde unha moción na que piden que as veciñas e veciños de Barreiros poidan ver reducido o seu recibo da auga en función do uso que se poida facer deste servizo.

Segundo a portavoz municipal, Ana Ermida, “o servizo de abastecemento de auga en Barreiros ten continuos problemas que impiden que se poida ter auga nas casas e negocios con normalidade. A falta de presión, a saída da auga turbia ou os cortes no subministro son algo habitual neste concello e, tendo en conta o prezo que as e os barreirenses pagamos no recibo da auga, non é lóxico que se faga fronte ao mesmo sen ter garantido o servizo.”

Por esta razón, e tendo en conta que neste verán xa se teñen producido numerosas deficiencias, desde o BNG pedirán que se calcule o prezo da auga do tempo que non se pode utilizar e que se vexa reducido o recibo nesa cantidade. “Parécenos de lóxica e de xustiza. Se un concello non está prestando un servizo, non é normal que cobre por el como se o estivese prestando con normalidade.” Así, desde o Bloque Nacionalista Galego piden “que se establezan criterios claros, modificando os textos legais que sexan precisos, para establecer un proceso de reclamación do diñeiro indebidamente pagado e, tendo en conta que este verán xa houbo problemas, que os recibos destes meses xa se vexan reducidos na cantidade que corresponda.”

Barreiros, libre de circos con animais
O grupo municipal nacionalista tamén defenderá unha moción na que se pide que o concello de Barreiros sexa declarado “concello libre de circos con animais”. Aseguran desde o BNG que “o trato que reciben os animais neste tipo de espectáculos dista moito do trato que se lle debe dar aos animais” e consideran que “ningunha institución pública debe amparar ou fomentar este tipo de espectáculos”, explica Ana Ermida. Neste sentido, solicitan que non se permita a instalación de circos ou publicidade dos mesmos no termo municipal.

Preguntas sobre o servizo de salvamento e socorrismo
O BNG tamén levará ao pleno unha batería de preguntas sobre o procedemento de contratación do persoal de salvamento e socorrismo, os criterios seguidos e a cobertura dos postos cubertos coa selección. Igualmente, preguntarán sobre as condicións dos postos de traballo, horario e contratos do servizo.

Exit mobile version