Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove solicita o rexistro da páxina web do concello co dominio xove.gal

O grupo municipal nacionalista presenta no pleno deste luns unha moción na que insta o Goberno municipal para que rexistre e active o enderezo www.xove.gal nos prazos establecidos pola asociación que xestiona o dominio galego.

No marco da actual sociedade da información: o que non está na internet non existe. A comunidade galega no mundo xa goza dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na Rede. O .gal é o dominio que nos corresponde como país con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos e sociais. Unha especie de sufixo co que identificamos na internet as páxinas escritas en galego e que se dirixen á sociedade galega nas súas comunicacións en liña que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscribe a un ámbito territorial concreto.

Marco López, voceiro nacionalista no Concello de Xove, manifestou que o BNG solicitará hoxe a migración da páxina web do Concello cara ao .gal e resaltou que «O dominio é xestionado pola Asociación PuntoGal e os ingresos económicos que se producen pola súa actividade serven para o mantemento da propia actividade e, no caso de producírense beneficios, estes son investidos no fomento da lingua e cultura galega dentro do ámbito das novas tecnoloxías».

Unha vez rematada a fase previa denominada Programa Pioneiros, que permitiu poñer na Rede un grupo reducido e significativo de dominios o pasado 25 de xullo, Día Nacional de Galicia; agora dáse paso á Fase de Lanzamento, na que se abre o período coñecido como Abrente ou Sunrise que permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Esta fase desenvolverase entre os meses de setembro e novembro e, simultaneamente ao Abrente, desenvolverase o proceso de Carreira ou Landrush no que aqueles interesados en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo. Finalmente o proceso rematará coa Fase Aberta na que, tal e como o seu nome indica, se abrirá o rexistro libre de dominios para o público xeral e que comezará a funcionar arredor de decembro.

Deste xeito hai que facer fincapé en que, máis alá dun beneficio económico (porque o dominio e as web .gal tributarán en Galiza), este paso suporá unha maior proxección no eido dixital e servirá para que o noso país se vexa no mundo. Os pioneiros tiveron que pagar máis polo seu dominio: 300 euros as asociacións, 1.000 as administracións e 3.000 as empresas. Deste xeito a Asociación PuntoGal puido recaudar o diñeiro suficiente para garantir a súa independencia coa finalidade de lanzar as seguintes fases a un prezo normal, aínda por publicar, a partir de setembro.

Por todo isto, o grupo nacionalista no Concello de Xove pedirálle hoxe ao Pleno da Corporación municipal a adopción dun acordo que tamén inste o Executivo municipal para que estabeleza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara ao .gal, incluindo o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país. E, asemade, que o Goberno local xestione unha liña extraordinaria de axudas destinadas a estas entidades e asociacións municipais para faceren fronte á tarifa da Asociación PuntoGal que se publicará como “prezo normal” ao longo do vindeiro mes de setembro.

Exit mobile version