Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG impulsa na Mariña unha campaña de recollida de material sanitario en colaboración coas farmacias da comarca para o seu envío a Palestina

A Mariña, 30 de agosto de 2014.- A tregua do asedio de Israel sobre territorio palestino non evita a necesidade perentoria de axuda humanitaria para o pobo palestino sometido, con ou sen bombardeos, ao boicot e o asedio permanente do sionismo israelí. O BNG da Mariña impulsa en colaboración coas farmacias a recollida de material sanitario para o seu envío aos territorios de Gaza e Cisxordania a finais de setembro a través da fundación Aragüaney. Agradecen a magnífica acollida da proposta por parte das persoas e colectivos adheridos e as farmacias da comarca que colocarán nos seus establecementos caixas para o deposito das doazóns que os seus clientes poden mercar nas propias farmacias ou levar da casa, dentro dunha listaxe de material preferente.

Na rolda de prensa de presentación da campaña compareceron diante da farmacia Casariego de Burela unha delegación da Executiva Comarcal do BNG, Assad Abadi, pediatra de orixe palestino que exerce no Hospital da Costa de Burela, Iago Villamil, médico internista do Hospital da Costa, Ana Mejuto Esmorís, responsábel na Mariña da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e Marta Amat Casariego, responsábel da Farmacia Casariego de Burela.

A campaña desenvolverase do 30 de agosto ao 25 de setembro, trasladando o material recollido o día 26 á sede da Fundación Aragüaney en Compostela para que a final do mes de setembro parta con destino a Gaza e Cisxordania. O material preferente para esta axuda humanitaria será Antibióticos(con caducidade posterior a 2014), analxésicos, vendas, gasas, material de sutura, material de curas, material protésico, leite en po para nen@s, cueiros para nen@s e adult@s, xabrón, tendas de campaña, soros(salino e glucosado), etc. Aclaran que aquelas farmacias ou establecementos que se queiran sumar á campaña poden contactar co tlf. 982140654 de 10 a 14 horas para recibir mais información. Así mesmo, explican desde o BNG, que na web da Fundación Aragúaney póñense a disposición outras vía de colaboración para o persoal sanitario e axudas económicas.

O BNG mariñao promove esta campaña na comarca, ao igual que o fai noutras do país, agardando das e dos mariñaos a máxima solidariedade e apoio para un pobo sometido a un estado de sitio permanente por parte de Israel que cun exercito moderno, ben armado e apoiado polas potencias occidentais, someteu nos últimos dous meses á poboación palestina a constantes bombardeos nunha loita desigual que deixou como resultado milleiros de vítimas civís palestinas e a destrución de infraestruturas e vivendas que levará anos reconstruír.

A fronte nacionalista aproveitou para, unha vez mais, condenar enerxicamente a agresión xenocida contra o pobo palestino que ten dereito a contar con territorios propios e a unha solución pacífica, xusta e duradeira ao conflito existente en Gaza. Ao tempo condenou a hipocrisía da comunidade internacional, especialmente dos EE.UU. que destina millóns de dólares en axudas económicas e militares a Israel e que no caso do estado español multiplicou por 10 nos últimos anos a venda de armas a este pais que so foi suspendida de maneira provisional durante o mes de agosto.

Exit mobile version