Site icon Crónica3.com A Mariña

O bonito de Burela estará presente un ano máis na Volta Ciclista a España

Burela, 14 de agosto de 2014. O bonito de Burela volverá estar presente na Volta Ciclista a España. Será por terceiro ano consecutivo. O alcalde, José Mª González Barcia, asegura que “se trata dunha boa forma de promocionar o bonito coma produto gastronómico de primeira calidade e tamén Burela”.

O rexedor explicou que “un ano máis, e xa serán tres con este, o bonito de Burela estará presente na Volta Ciclista España a través da campaña que pon en marcha a Asociación Provincial de Hostalería de Lugo co título de E para comer Lugo… A presenza do bonito de Burela no cátering deste evento é unha boa forma de promocionar o bonito coma produto gastronómico de primeira calidade e tamén é unha boa forma de promocionar Burela. E nese sentido temos que recoñecer que estamos satisfeitos por esta presenza por terceiro ano consecutivo do bonito na Volta Ciclista a España”.

González Barcia dixo que “para nós é unha honra e unha satisfacción que a Asociación Provincial de Hostalería se teña acordado de nós para facer esta promoción. Estamos moi agradecidos. A presenza do bonito de Burela no cátering da Volta Ciclista a España é froito do traballo realizado na Feira de Turismo de Madrid no ano 2012, para que logo algúns digan que cando se vai a Madrid a Fitur se vai pasear. A Madrid a Fitur se van facer contactos e creo que pagou a pena estar en Fitur porque si chegásemos a pagar con cartos a presenza do bonito e de Burela na Volta Ciclista a España nos custaría un dineral”.

O alcalde engadiu que “esta Volta Ciclista a España ten un carácter especial porque as súas últimas etapas discorrerán por terras galegas, pero do que se trata é de que no conxunto da Volta o bonito de Burela se promocione en todos e cada un dos puntos polos que pasa esta cita deportiva”. E insistiu en que “para nós é unha satisfacción que a Asociación Provincial de Hostalería da provincia de Lugo se acordase de nosoutros e agradecerlle á Xunta de Galicia a súa disposición para colaborar co obxectivo de que o bonito de Burela, por terceiro ano consecutivo, estea presente nun evento deportivo que ten unha enorme difusión tanto en prensa, en radio como en televisión e polo tanto é unha boa oportunidade para promocionar Burela e o bonito”.

Exit mobile version