Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ciclo Agosto Musical empeza este venres cun concerto de percusión no parque de San Francisco

Cartel agosto musical Amadores da MúsicaRibadeo, 7 de agosto de 2014. O ciclo Agosto Musical, organizado pola asociación Amadores da Música, comeza este venres cun concerto de percusión no parque ribadense de San Francisco ás once da noite. Ademais a banda de Ribadeo actuará no Día do Socio de Amadores da Música que se celebrará este sábado, día 9, no auditorio de Cabanela, e participará nun festival que se celebrará en Cedeira o vindeiro luns, día 11.

O presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, explicou que o ciclo Agosto Musical “é unha serie de catro concertos: o primeiro deles vai ser mañá, venres, día 8, a cargo da sección de percusión da banda de música de Ribadeo xunto co grupo Calabash, que dirixe Marcos Rodríguez. Vai ter lugar no parque de San Francisco ás once da noite”.

Sobre o concerto de mañá Marcos Rodríguez comentou que “é o cuarto ano que facemos este tipo de concertos do grupo Calabash, que está formado por percusionistas que saíron todos da escola de música, todos alumnos meus; e o obxectivo é que sigan tendo o mesmo hobby durante o verán, dende que deixan a escola, xa que non se dedican profesionalmente a elo. E este ano a nova directiva de Amadores da Música quere recuperar as noites de concertos que se facían hai anos durante o mes de agosto”. Tamén comentou que “decidimos que colaborara Calabash porque a sección de percusión da banda agora mesmo é pequena, aínda que acaban de entrar dous alumnos máis, e aproveitando a ocasión o noso concerto de verán de todos os anos é neste caso con eles”.

O director do grupo Calabash explicou que “principalmente o noso repertorio é latino porque somos un grupo de percusión atípico, no sentido de que soen ser máis rítmicos e nós facemos máis melodías con instrumentos de láminas como marimbas, xilófonos, vibráfonos, aparte da sección rítmica con congas, claves, batería, un baixo eléctrico que temos nunha marimba e que vai por ordenador. Este ano temos unas cantas incorporacións no grupo e ofreceremos algunha sorpresa coa intención de que a xente o pase ben porque a nosa intención é tocar para divertirnos nosoutros e tamén que para a xente sexa un repertorio ameno e pasen un rato entretido con nós. O grupo Calabash, cuxo núcleo son nove persoas da mesma xeración, cada ano invitamos a outros compañeiros ou agrupacións a participar con nós nun concerto e nesta ocasión entran novas cabaziñas, que son seis alumnos máis, e aparte os percusionistas da banda de Ribadeo”.

O segundo concerto do ciclo Agosto Musical vai ser o xoves 14 “coa sección de vento madeira da banda de música de Ribadeo xunto co grupo de clarinetes Ribadeo Clarinet Connection, que dirixe David Ballester. O horario será tamén ás once da noite e farase na praza 8 de marzo”, anunciou o presidente de Amadores da Música. Tamén deu a coñecer que “o seguinte xoves, día 21, correspóndelle o concerto á sección de vento metal da banda xunto co grupo Ribadeo Brass, que dirixe Rubén Solloso. Será ás once da noite na Praza de Abaixo. E, xa para rematar esta serie de concertos, o venres 29 actuará toda a banda en pleno, dirixida por David Ballester, con música de cine. Será ás once da noite no parque de San Francisco e como está dedicado a música de cine proxectaranse películas e a banda tocará a banda sonora deses filmes. Esperemos que sexa do agrado de todos, que a xente participe e o que tempo nos axude”.

A asociación Amadores da Música organiza tamén o Día do Socio, sobre o cal José Luis Pulpeiro explicou: “faise por primeira vez como tal e vai ter lugar este sábado 9 de agosto ás nove da noite no auditorio de Cabanela. Vai haber un concerto con música que David Ballester clasificou para esta ocasión e logo vai ter lugar unha pequena churrascada para a que os socios teñen unha invitación, que xa recibiron nas súas casas, e presentándoa vai ser totalmente gratis para eles; e todos aqueles que se queiran acercar a comer un pouco de churrasco e asistir a ese concerto por un módico prezo de 5 euros poden participar tamén. Ese día temos a intención de facer socios novos pois queremos que a xente participe facéndose socios por un módico prezo de 12 euros ao ano, un euro ao mes, que é unha cota que non nos parece excesiva e moi accesible para a maioría da xente. Para a asociación sería unha gran axuda porque cantos máis socios sexamos máis forza teremos, polo que invito a toda a xente que poida a que se faga socio para facer unha asociación grande e que a banda se sinta avalada con moita xente e que poidamos enfrontarnos a situación, que non é moi boiante nestes momentos, xa non digo no tema económico senón que a xente está algo pasiva. Queremos que se impliquen máis, que loitemos pola banda para que non decaia senón que vaia a máis”.

Pulpeiro tamén anunciou que a banda de música municipal de Ribadeo desprazarase a Cedeira para actuar alí o día 11 deste mes porque “nos invitaron os organizadores dun festival no que tamén estará a banda de As Pontes. Agradecémosllo a Zeltia, a sobriña de Hernán Naval que forma parte da directiva da agrupación de Cedeira e que non cabe dúbida que ten un especial cariño pola banda de Ribadeo”.

Exit mobile version