Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros organiza para o vindeiro 6 de setembro o seu IV Día Solidario

Barreiros, 28 de agosto de 2014.- A Rede de Voluntariado Local do Concello de Barreiros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais, organizan para o 6 de setembro o IV Día Solidario. Con esta iniciativa, o Concello intentará recadar fondos para doalos posteriormente á Asociación AFALU (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Lugo). As actividades levaranse a cabo durante toda a mañá e comezarán cunha ruta a pé. A esta seguiranlle un mercado solidario, dúas conferencias sobre a enfermidade do alzheimer, unha exhibición de monicreques e unha comida- baile coa que se pretende obter o maior número de fondos posibles.

Dende o Concello de Barreiros deron a coñecer o programa de actividades para este IV Día Solidario. Os actos comezarán as 9:30 da mañá, na praza do Concello. Dende alí partirá unha ruta a pé cara a Penabor. Os interesados poderán inscribirse na mesma saída da ruta e o custo será de 1 euro por persoa. En paralelo a este ruta, ás 9:30 abrirase tamén un mercado solidario na mesma praza do Concello. Nel poderanse adquirir todo tipo de produtos gastronómicos e artesanais. Será ata as 13:30 horas.

Xa ás 11:00 da mañá, no Centro Socio-Cultural Xuvenil e da Terceira Idade Manuel Díaz Sampedro, levarase a cabo unha conferencia titulada A asistencia humana do enfermo de Alzheimer, a cargo de Valentín Calvín Fondevila da Asociación AFALU. A esta sucederalle ás 12:00 unha segunda charla impartida polo médico especialista en xeriatría Fernando Veiga Fernández. O doutor abordará o tema A enfermidade do Alzheimer e outras demencias. A esa mesma hora, ás doce do mediodía, terá lugar na praza do Concello un espectáculo de monicreques a cargo da compañía Mircromina Títeres co título Vacacións no mar.

O acto máis importante da xornada solidaria chegará ás 14:00 horas, momento no que se iniciará a comida-baile no restaurante O Asador. O prezo por persoa será de 13 euros para adultos (10 para a comida e 3 de doazón para a asociación AFALU) e 10 euros para nenos menores de 10 anos (8 para a comida e 2 coma donativo). Os interesados deben anotarse antes do día 3 de setembro nos teléfonos 661 07 83 23 ou 982 12 40 02, ou a través do Departamento de Servizos Social do Concello de Barreiros.

Exit mobile version