Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela contrata 3 profesores para a Escola Municipal de Música

Burela, 25 de agosto de 2014. O Concello de Burela está iniciando os trámites para a contratación de profesorado para a Escola Municipal de Música, xa que na primeira quincena de setembro está previsto levar a cabo a selección de tres profesores para impartir as clases de óboe, clarinete e frauta. Son tres persoas que desenvolverán o seu traballo como laborais temporais a tempo parcial hasta finais do curso 2014/2015.

A concelleira de Cultura e Educación, Mónica Pedre, afirmou que “un curso máis, a Escola contará con profesorado especializado nestes instrumentos e con titulación de grao superior, para impartir con total garantía as clases prácticas dos mesmos. Este ano adiantamos unhas semanas a contratación deste profesorado, para que estea xa operativo cando comece o curso escolar, inicio que se anunciará na vindeira semana”.

Mónica Pedre tamén manifestou que “se está estudando a posibilidade de que a Escola Municipal de Música conte con profesor ou profesora de canto; estamos analizando diversas fórmulas, atendendo á situación económica. A idea é que este curso 14-15 comece a haber clases de canto, non seguramente da forma que nós e a propia Escola quixeramos, pero que serva para sentar as bases e darlle continuidade en vindeiros cursos”.

A edil popular considera que “con estas actuacións que levamos a cabo, xunto coa baixada dun 17% das taxas de matrícula, consideramos que estamos potenciando a Escola para que gañe en alumnado. Mentres tanto, outros preocupáronse antes por usar a Escola Municipal de Música como chiringuito cuasi privado, e agora por tentar tirar terra a todo o que se fai”.

Pedre Otero rematou asegurando que “foi o PP quen, no seu día, creou a Escola; e é o PP quen, agora, aposta de forma decidida por este proxecto, dotándoa de máis profesorado e facilitando, coa baixada das taxas, o acceso de máis alumnado”.

Persoal dos comedores
A edil de Educación, Mónica Pedre, manifestou que “os comedores dos CEIPs Virxe do Carme e Vista Alegre contarán desde o mesmo día de inicio do servizo de comedor co persoal colaborador correspondente, tal e como o propio alcalde comunicou persoalmente ás direccións dos centros e ás respectivas Anpas, cumprindo así o noso compromiso coas familias”.

En total serán nove persoas, cinco no Virxe do Carme e catro no Vista Alegre, as que atendan este servizo durante todo o curso. Durante esta semana está prevista unha reunión do alcalde e da concelleira con estas nove persoas, dado que é o Concello quen sufraga o cen por cen dos custes laborais e sociais deste persoal.

Mónica Pedre finalizou cunha aseveración: “aqueles que no seu momento manifestaron que este goberno ía acabar con todo, deberían agora pedir perdón publicamente por esas manifestacións. Non houbo ningunha merma de servizos municipais en ningún tema, e no caso concreto de Educación sábeno os centros e sábeno as familias. Eses que vían un futuro tan negro, son os que retiraron as subvencións e as axudas ás Anpas e aos propios centros. Vergoña lles debía dar dicir o que dixeron e o que aínda seguen dicindo”.

Exit mobile version