Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela realiza tarefas de mantemento nos Ceips Virxe do Carme e Vista Alegre

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 27 de agosto de 2014.- O alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Educación, Mónica Pedre, mantiveron no mediodía deste mércores sendas xuntanzas cos directores dos Ceips Virxe do Carme e Vista Alegre para perfilar o inicio do vindeiro curso escolar e coas Anpas dos dous centros.

Mónica Pedre dixo que “ás Anpas comunicámoslles a continuidade do servizo de coidadoras dos comedores escolares, que comezarán a traballar cando os comedores estean en funcionamento. 5 estarán no Ceip Virxe do Carme e 4 no Vista Alegre, que sufragamos ao 100% desde o Concello de Burela”.

A edil de Educación sinalou que “tamén falamos da planificación das actividades extraescolares que organizamos e/ou sufragamos nós, como por exemplo as que realizará Gaia, as deportivas ou a piscina”. Os rapaces do Vista Alegre continuarán indo á piscina e os do Virxe do Carme “destinarán eses cartos, os da piscina, a outro tipo de actividades, como poden ser viaxes de índole cultural. Nós dixémoslles que pola nosa parte non haberá ningún problema nese sentido”.

Mónica Pedre subliñou que “este equipo de goberno non rebaixou ningún tipo de servizo nos centros escolares, senón todo o contrario. Estamos a manter todas as actividades de tarde co obxectivo de que os Ceips estean abertos e así axudar a conciliar a vida laboral e familiar”.

A concelleira popular explicou que “estes días persoal do Concello está a realizar traballos de mantemento nos dous Ceips. No Vista Alegre estanse a facer substitucións en materia de fontanería e de adecuación das aulas con novas conexións eléctricas, tendo en contra que o centro está integrado no programa Abalar. E no Virxe do Carme estase a facer substitución e reparación de persianas e tamén traballos de pintado”.

Exit mobile version