Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela tramita as solicitudes ás veciñas desempregadas con estudos superiores que queiran participar nun taller formativo sobre Sociedade da Información en Compostela

Burela, 26 de agosto de 2014.- O Instituto da Muller, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e a Escola Galega de Administración Pública, organizan un Taller de Formación en materia de Sociedade da Información dirixido a mulleres que conten con estudos superiores e se atopen actualmente en situación de desemprego. O curso terá unha duración de 40 horas e levarase a cabo entre o 22 e o 26 de setembro en Santiago de Compostela. As veciñas burelesas interesadas en acudir poden tramitar xa as súas solicitudes nas oficinas municipais a través da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade.

Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais en Burela, aclarou que “neste curso poderán participar todas as mulleres que conten con estudos de nivel de diplomatura, licenciatura ou equivalente, FPII e coñecementos de informática, a nivel de usuario. Tamén deberá tratarse de mulleres que actualmente se encontren en situación de desemprego”. Dende o Concello informan de que este curso contará cunha duración de 40 horas, distribuídas en horario de 8:30 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas o 22 e 23 de setembro, de 08:30 a 14:30 e de 16:30 A 19:30 o 24 e de 08:30 a 14:30 o 25 e 26 dese mesmo mes.

O curso levarase a cabo nas dependencias que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ten en Santiago de Compostela. A solicitude de inscrición pode facerse xa no correo electrónico promocion.igualdade@xunta.es ou a través das oficinas municipais de Servizos Sociais de Burela. As interesadas deberán indicar nestas solicitudes os seus datos persoais, a través dun formulario que se oferta tanto en galego coma en castelán. Tamén terán que acompañar unha copia do seu currículo actualizado. O criterio de selección será por estrito orde de inscrición.

Exit mobile version