Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello mellorará a accesibilidade na praza da Veiga entre as rúas Asturias e Rosalía de Castro de San Cibrao

praza_veigaCervo, 21 de agosto de 2014.- O Concello de Cervo executará nas próximas semanas unha importante reforma na praza situada entre as rúas Asturias e Rosalía de Castro, na zona da Veiga de San Cibrao. O proxecto contempla varias medidas para “humanizar este espazo público e convertelo nun lugar cómodo, atractivo e de calidade para o uso dos veciños” asegura a edil de Obras, Pilar Armada.

Unha das medidas será a de mellorar a accesibilidade. Para iso vaise construír unha nova beirarrúa para salvar o desnivel dun edificio situado ao lado da praza. Hai que ter en conta que na actualidade na beirarrúa hai moito espazo perdido e como espazo útil só existen unhas escaleiras. Desta maneira vaise reordenar a beirarrúa para que sexa de acceso universal.

Outra das actuacións que se levarán a cabo será a redistribución dos contedores, que se colocarán agrupados nun recinto “en el lugar más alejado posible de los edificios, dentro de las dimensiones de la plaza, de 385 m², para evitar que los olores de los residuos lleguen a las viviendas”, asegura a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso. Tamén se renovará a pavimentación e se dotará a este espazo de xardineiras e outro mobiliario urbano así como de nova iluminación.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e as edís de Obras e Medio Ambiente, e o presidente da Asociación de Veciños Cruz da Venta, José Luis Sariego achegáronse ata a praza para avaliar sobre o terreo as diferentes medidas propostas no proxecto.

Para poder realizar as obras a Xunta de Galicia concedeu unha subvención de 37.500 euros que cobre o 75% do orzamento total, mentres o resto, 12.500 euros, finánciaos o Concello con fondos municipais. Desta forma, o custo total da obra é de 50.000 euros.

Unhas medidas que foron solicitadas polas asociacións e que polo tanto atenden a reivindicacións veciñais, así como a unha necesidade de acondicionar e recuperar este espazo tendo en conta que é unha zona de afluencia de persoas, tanto pola proximidade dun supermercado como por tratarse dunha zona urbanizada con numerosos edificios de vivendas.

Exit mobile version