Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo repartiu unhas 60 trampas e atraentes para avespa asiática entre os apicultores

medidas_avespasCervo, 12 de agosto de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Zona Rural, José Ramón Soto e o responsable do GES de Cervo, Mario Antuña, mantiveron este luns unha segunda reunión cos apicultores para tratar de frear a expansión de avespa asiática no municipio.

Unha xuntanza na que os representantes municipais escoitaron as impresións dos propietarios das colmeas e amosaron o seu compromiso á hora de traballar para reducir a poboación de vespa velutina. Ao mesmo tempo, o Concello repartiu uns 60 equipos para loitar contra esta especie, compostos de trampas e atraentes. Uns materiais que o Concello financiou ao cen por cen con fondos propios.

Os responsables municipais explicaron aos asistentes todos os detalles do procedemento, como o funcionamento das trampas ou como o lugar recomendado para a súa colocación. De feito, o Concello ten previsto facer un seguimento e celebrar máis reunións para coñecer os resultados e a efectividade destes dispositivos á hora de atrapar os exemplares de vespa velutina e analizar a súa evolución.

O obxectivo do Concello con estas medidas é complementar as accións que xa está desenvolvendo a Xunta de Galicia “unindo esforzos para conseguir que esta especie invasora deixe de ser unha ameaza para a poboación de abellas” tal e como explica Soto. Da mesma maneira o edil de Zona Rural lembra que aqueles apicultores de Cervo que non asistisen á reunión poden solicitar trampas e atraentes poñéndose en contacto coa Concellería.

Soto quixo chamar á tranquilidade da poboación xa que, segundo explicou, a avespa asiática non implica un maior risco para o ser humano que a autóctona, aínda que si é especialmente virulenta coas abellas.

Exit mobile version