Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo retirou 27 niños de avespa asiática en dúas semanas

Cervo, 22 de agosto de 2014-O Concello informou este venres de que en dúas semanas eliminou 27 dos 30 niños de avespa asiática localizados polos veciños e os apicultores. Desta maneira, atendéronse practicamente todos os avisos recibidos en diferentes puntos do municipio, agás tres que presentan unha extrema dificultade para a súa eliminación. Cabe destacar que a meirande parte dos retirados atopábanse en árbores, lonxe das vivendas, e que só en dous casos as avespas aniñaran en teitos e fechadas das casas.

A maioría das retiradas realizáronse de noite, que é o momento máis indicado, pero nalgún caso houbo que actuar a primeira hora da mañá por motivos de seguridade do persoal. En concreto, as actuacións realizáronse en Lieiro, Casa Novas, polígono de Cuíña. Viladesuso, Rúa, San Román, Trasbar, O Vilar, A Costoira, Sargadelos, Rueta e Castelo.

Nalgúns casos as operacións foron sinxelas pero noutros entrañaron grande dificultade, como o niño situado na ponte de Rueta ou algúns que se atopaban en árbores a moitos metros de altura, situacións nas que foi necesario utilizar maquinaria do Concello así como solicitar o camión de bombeiros ao Consorcio para chegar a determinados puntos.

De feito, houbo casos nos que foi preciso pedir permiso a propietarios de montes ou solicitar colaboración a ADIF. En total, na eliminación dos niños utilizáronse 150 aerosois de insecticida. Uns traballos que realizou o Concello cos seus medios en colaboración coa Xunta de Galicia.

Reunión con apicultores
O Concello celebrou este venres unha terceira reunión cos apicultores do municipio, despois de que a semana pasada repartise trampas e cebos entre os preto de 60 propietarios de colmeas que asistiron. A xuntanza deste venres serviu para seguir traballando de forma coordinada no control da poboación da vespa velutina e intercambiar información e impresións así como coñecer a efectividade dos dispositivos entregados.

Na reunión estivo presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto e o responsable do GES de Cervo, Mario Antuña. Nela manifestaron a súa intención de “seguir traballando man a man cos apicultores para buscar a mellor solución e ter baixo control a esta especie invasora e de forma coordinada e complementaria á labor da Xunta de Galicia”, explica Soto.

Exit mobile version