Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo organiza para este domingo, 24 de agosto, unha nova observación astronómica nocturna para todos os públicos

Ribadeo, 21 de agosto de 2014.- O Concello de Ribadeo recupera o seu ciclo de observacións astronómicas nocturnas, despois de que o pasado domingo tivese que ser interrompido polas condicións climatolóxicas adversas que se rexistraron. A cita terá lugar ás dez e media da noite do vindeiro 24 de agosto, no parque de San Francisco. Nela poderán participar tódolos veciños e visitantes que así o desexen, sen necesidade de inscrición previa.

Dende o Concello recordan que este ciclo de observacións astronómicas se puxo en marcha o pasado día 16 de agosto, cunha observación nocturna pública na praia das Catedrais. Este domingo 24 terá lugar finalmente a segunda observación, despois de que tivese que ser aprazada polas malas condicións meteorolóxicas o pasado día 17. Segundo adiantaron responsables da Concellaría de Medio Ambiente de Ribadeo, a actividade terá lugar no parque de San Francisco. Xa o 6 de setembro levarase a cabo a terceira e última observación na parroquia ribadense de Remourelle.
Este ciclo de observacións naceu coa idea de completar o curso de astronomía impartido pola Universidade de Santiago, en colaboración co Concello, os pasados días 18, 19 e 20 de agosto no Real Club Naútico de Ribadeo. Unha actividade que estivo financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e que se englobou dentro do proxecto A astronomía ao alcance de todos.

Exit mobile version