Entre as medidas que se adoptarán durante a festa está a colocación dun Posto Médico Avanzado xestionado polos servizos municipais dende o que se centralizará a atención sanitaria en primeira instancia, atendéndose calquera imprevisto e, no seu caso, valorando o posible traslado ao Hospital da Costa. Desta maneira, “preténdese facer fronte a calquera incidente de forma coordinada” asegura Soto.
Da mesma maneira, o dispositivo de seguridade contará con efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica, Grupo de Emerxencias Supramunicipal e Policía Local, tal e como se acordou na xuntanza de deste luns.
Ao igual que o ano pasado, o castelo pirotécnico lanzarase dende o dique Anxuela en cumprimento da lexislación, que establece que o disparo dos fogos de artificio ten que realizarse cun perímetro de seguridade mínimo de 300 metros.
Así mesmo, o edil de Seguridade Cidadá aproveita, como todos os anos, para pedir á sociedade “que goce da festa pero con responsabilidade, respectando as normas e mantendo un comportamento cívico”. Soto lembra que a Maruxaina, como festa de Interese Turístico Galego, congrega todos os anos a milleiros de persoas e que, polo tanto, “faise imprescindible que todos, tanto veciños como turistas, fagamos compatible a diversión coa seguridade”.