Site icon Crónica3.com A Mariña

O Eido Dourado organiza para este domingo un concerto gratuíto de Iria Peña Trío

Barreiros, 1 de agosto de 2014. O espazo artístico Eido Dourado recibe este domingo, 3 de agosto, á cantaora flamenca Iria Peña, acompañada polo bailaor Isaías Salazar e o guitarrista Miguel Flores. O Iria Peña Trío estará tocando a partir das 22:30 horas nos xardíns do Eido Dourado, nun concerto de flamenco englobado dentro da tempada de actuacións musicais estivais do Eido Dourado.

Celso Dourado afirmou que “no Eido Dourado sempre apostamos polas músicas diferentes. Sempre que atopo persoas que eu considero que poden aportar algo diferente á música, póñome en contacto con elas e trato de traelos ao Eido. Neste caso imos a contar con flamenco, pero con flamenco feito en Galicia. Será o domingo a partir das 22:30 horas nos xardíns do Eido Dourado. Alí vai a estar Iria Peña Trío.”

O artista barreirense adiantou que “Iria Peña é unha cantaora para min excepcional que optou polo flamenco sendo galega, porque foi neste xénero onde atopou a súa máxima expresión dentro do que é o canto. Iria vainos ofrecer un concerto coma ela sabe facer, e estará acompañada polo bailaor ferrolán Isaías Salazar, e o guitarrista gaditano Miguel Flores, que leva anos afincado en Galicia. Creo que os tres nos van ofrecer un concerto canto menos moi diferente”.

O concerto terá lugar ao atardecer coma xa é tradicional no Eido Dourado, para combinar a luz artificial con a luz natural que existe nos xardíns do espazo artístico, creando un ambiente único, como adiantou Celso Dourado. A entrada será gratuíta ata completar aforo, aínda que dende a organización se recorda que é limitado e se recomenda acudir á xente con tempo para poder gozar deste concerto. A tempada de actuacións musicais no Eido Dourado continuará durante os vindeiros fins de semana deste mes de agosto.

Exit mobile version