Site icon Crónica3.com A Mariña

O GDR promocionará os produtos da horta da Mariña coa edición dunha guía turístico-informativa

fotografia 3Mondoñedo, 29 de agosto de 2014.- O GDR da Mariña, asociación que xestiona o Programa Leader 2007-2013 na comarca, reuniuse na tarde de onte co sector de producción de horta de cara a analizar a situación do sector e deseñar actuacións que se poidan levar a cabo desde o GDR e que servan para apoiar e promocionar o sector.
Neste ano 2014, o GDR pretende editar unha guía na que se mesturará información sobre os produtos de horta da zona (desde época de plantación, de recollida, coidados, etc. ata a súa aplicación na cociña, coa inclusión de receitas) con información de interese para as persoas visitantes, tanto turística como puntos de venda dos produtos, feiras e mercados de horta, etc.

Como explica a xerente, Ana Ermida, “a actuación deste ano pretende só ser un punto de partida para poder levar a cabo no vindeiro ano ou noutros periodos actuacións de interese para o sector que poidan contribuir a melloralo.”
Na propia reunión saíron necesidades ou carencias que detectan as persoas que traballan na horta: desde os problemas para colocar os produtos ata a falla de información ou formación coa que se atopan as persoas que se incorporan, unha vez practicamente desparecida esa labor de entre as que poden levar a cabo nas oficinas agrarias comarcais.

Nese sentido, entre as persoas asistentes sentíase a necesidade de manter máis encontros para poder organizarse conxuntamente e, colectivamente, tratar de minimizar eses problemas que se atopan, tentando un intercambio de coñecementos e un mellor aproveitamento dos recursos.

Desde o GDR amosan satisfacción coa resposta que tiveron do sector e mostran a súa disposición “para acompañar calquera iniciativa que poida xurdir ao respecto e que serva para garantir o futuro do sector, mellorar as condicións e, consecuentemente, afianzar poboación no rural da nosa comarca”, afirma a xerente.

Exit mobile version