Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo municipal socialista de Cervo tende a man ó goberno co fin de retomar o proxecto que tiñan iniciado para mellorar os accesos ó polígono de Cuíña

CERVO, 1 DE AGOSTO. Tralo pleno ordinario celebrado na tarde de onte, os socialistas de Cervo destacan que “os membros do PP acabaron poñéndose colorados e recoñecendo que perderon cerca de 200.000 euros que xa tiñan concedidos de fondos europeos para realizar as obras dos accesos ó Polígono de Cuíña”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembráronlles que “esta obra estaba proxectada e adxudicada en setembro de 2004 co cal tiña que estar finalizada en marzo de 2005. Cando entra o PSOE na Deputación Provincial, en xullo de 2007, non había nada feito, salvo uns terreos expropiados. O prazo de execución, incluida a prórroga, tiña rematado. O Partido Popular de Cervo non foi quen de levar adiante este proxecto e agora pretenden liberarse da súa irresponsabilidade”.

Neste mesmo senso, os socialistas subliñan que “non poden culpar á Deputación de Lugo da inoperancia que lles corresponde a eles. O organismo provincial financiaba xunto con outras administracións públicas a totalidade da obra, o que realmente aportaba era un 20% do total”.

A falta de disposición e a deixadez do equipo de goberno foron as causantes de que “se perdera o conseguido ata o momento. Aínda así, a Deputación de Lugo nunca lle cerrou as portas ó Concello de Cervo. A última vez que pediron axuda para lograr de novo financiamento por parte da Xunta de Galicia, o responsable de vías e obras da administración provincial non dubidou en poñer á súa disposición os terreos que estaban expropiados para facilitar calquera trámite”.

Entre tódalas administracións

Asimesmo, coa mesma intención que a Deputación e para garantir a colaboración e sinerxia entre administracións, o GMS acabou por presentar unha emenda á moción do PP na que “solicitamos que os gobernos estatais, autonómicos e provinciais, Goberno Central, Xunta de Galicia e Deputación Provincial, retomen o iniciado naquel momento e volvan a financiar entre todos o proxecto que se tiña iniciado”.

Agardan que o goberno cervense recapacite, recoñeza o seu erro e busque desta maneira vías de financiación polo ben común, “queremos que se retome o proxecto inicial onde a colaboración das distintas administracións o facían posible. O que temos moi claro é que o que menos lle interesa a este goberno son os accesos ó polígono, pois así o demostraron perdendo tal oportunidade. A día de hoxe están obsesionados con enfrontarse co único organismo que non goberna o seu partido e esquécense de que o que verdadeiramente teñen que facer é velar polos intereses dos veciños do seu Concello”.

Exit mobile version