Site icon Crónica3.com A Mariña

O libro “A praia das Catedrais e as súas contornas” foi presentado este venres na XXIX Feira do Libro de Foz

300814 Foto feira libro Foz 2Foz, 30 de agosto de 2014.- O libro A praia das Catedrais e as súas contornas, do que son autores os xornalistas Beni Mántaras e Carmen Cruzado foi presentado este venres na XXIX Feira do Libro de Foz.
Na súa intervención Carmen Cruzado lembrou os veráns que durante a súa infancia pasou en Foz e indicou que A praia das Catedrais e as súas contornas ten coma destinatarios aos miles de turistas que cada ano chegan a ese areal, pero tamén aos veciños e veciñas da provincia de Lugo: “é bo viaxar, é bo saír fora, pero é moi bo coñecer, apreciar e potenciar o que temos aquí a carón da casa, a unha ou a dúas horas coma moito en coche”. No mesmo sentido insistiu Beni Mántaras, que ademais explicou que “Foz ten unha ampla presenza nesta publicación, dentro do capítulo dedicado á Mariña, que é o máis extenso dos catro que hai no libro. O motivo é que o concello focense conta cun gran número de atractivos: as praias, os paseos marítimos, a basílica de San Martiño, o castro de Fazouro, o Pico da Frouxeira…”.

Os xornalistas foron presentados polo alcalde de Foz e vicepresidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Javier Castiñeira, que incidiu na necesidade de aproveitar o tirón que ten a praia ribadense das Catedrais para atraer aos turistas ata outros municipios da Mariña.

Ao acto de presentación de A praia das Catedrais e as súas contornas asistiron, entre outros, o cronista oficial de Foz, Suso Fernández; o deputado provincial responsable de Economía do Coñemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano; o presidente de Acia Foz, José Carlos Paleo; e os concelleiros focenses de Cultura e Turismo, Ánxel Paleo e Maite López. Ao remate asistentes e xornalistas intercambiaron opinións sobre o turismo na Mariña e sobre a praia de As Catedrais. O libro está a venda na Feira do Libro de Foz, concretamente na caseta da Libraría Bahía.

Exit mobile version