Site icon Crónica3.com A Mariña

O Mercado Vikingo de San Cibrao incluirá postos de venda, queimada, cetrería, animación, xogos tradicionais e un espectáculo de desembarco

mercado_viquingoCervo, 26 de agosto de 2014.- O II Mercado Vikingo encherá de actividade San Cibrao e, en concreto, a zona do porto durante os días 29, 30 e 31. Os edís José Ramón Soto e Pilar Armada así como o representante do Bar El Puerto, Ramón Tola, deron a coñecer os detalles do programa e o cartel desta edición.

Un mercado que inclúe postos de venda así como numerosas actividades de animación ao longo da fin de semana, entre as que destaca o conxuro da Queimada o venres ás 22:30 h. ou o desembarco viquingo o sábado ás 20 h. Ademais, cabe resaltar a exposición de cetrería, réptiles e animais curiosos, que estará aberta os tres días, así como exhibicións, con dous pases por día, un ás 12:30 e outro ás 19:30 h. Ademais, de forma específica para os nenos e nenas ofrecerase o recuncho infantil, onde poderán practicar xogos tradicionais.

Como toque gastronómico, os bares organizadores, “El Puerto” e “El Pedregal”, prepararán menús especiais inspirados na temática viquinga que se servirán ao longo da fin de semana. Un mercado no que colabora o Concello de Cervo así como o Club Náutico “Amigos del Mar”, Portos de Galicia e Rodabell.

En canto ao horario de apertura do mercado, será o venres a partir das 17:30 h. e sábado e domingo de 11 a 14:30 e de 17:30 a 23 h.

Soto destaca a grande oferta de actividades e espectáculos programados, “que encherán de animación a zona do porto de San Cibrao e converterán esta cita festiva nun mercado atractivo e con multitude de opcións para o tempo libre”.

Exit mobile version