O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, comentou que “dende o Concello queremos agradecer á asociación Sempre Foz, que e á comisión de festas deste San Lourenzo 2014, por poñer todos os seus máximos esforzos e facer un programa do San Lourenzo como se merecen unhas festas que son de Interese Turístico Galego. As festas comezarán este venres ás 20:30 horas coa lectura do pregón que fará un personaxe ilustre como é o Padre Ángel, cofundador da ONG Mensajeros de la Paz, unha asociación que leva traballando no noso concello dez anos. Concretamente, este ano cumpren o seu décimo aniversario e van seguir con nós ata que estea feita esa nova infraestrutura que hai en construción, que é o novo xeriátrico. Por tanto creo que son méritos suficientes os de Mensajeros de la Paz e os do Padre Ángel como personaxe nacional e internacional de recoñecido traballo cara aos demais e sobre para aos máis desfavorecidos; no noso concello cós nosos maiores durante dez anos polo que queríamos que fosen eles os pregoeiros celebrando este décimo aniversario”.
O rexedor municipal engadiu que “despois do pregón, ás 21:30 horas, será o chupinazo e a partir desa hora celebraranse as verbenas. O sábado teremos diferentes actividades, entre elas o trofeo de fútbol Vila de Foz, a mostra folclórica infantil do Feitizo e a verbena a partir das 22:30 horas na praza Conde de Fontao e na explanada do porto. Xa o domingo, que é o día grande, teremos a misa ás 12:00 horas na igrexa parroquial e a partir de aí a procesión. Logo haberá a mostra folclórica de adultos do Feitizo, a gran verbena coa orquestra Costa Oeste e o espectáculo máis importante das festas, que son os fogos de artificio na noite do domingo para o luns a unha da madrugada”.
Javier Castiñeira rematou explicando que é “un programa adaptado ás circunstancias pero atractivo, cun custe próximo aos 40.000 euros. Supón sobre todo un sacrificio moi importante para aquelas persoas que ceden o seu tempo para organizar unhas festas para todos dun calado importante para A Mariña como son as festas do San Lourenzo, de Foz. Son uns festexos con moita xente participando e, dende logo, quédanos agradecer a todos aqueles que participan no financiamento, como a Xunta de Galicia ademais do propio Concello, e sobre todo ás organizacións e asociacións como a Banda de Música, os grupos de baile tradicional e os patrocinadores, entre eles o comercio e a hostalaría local, que son os que financian gran parte destas festas. Pero, sobre todo, a este grupo de rapaces da asociación Sempre Foz, que están aí dedicando o seu tempo a facer unhas festas que son a referencia do noso concello e da Mariña no verán. Quedades todos invitados a gozar do San Lourenzo: das noites, das verbenas e da hostalaría, como sempre se fixo por estas datas no noso concello.”