Mondoñedo, 23 de agosto de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo quere agradecer á Xunta de Galicia os “importantes” e “decisivos” pasos que está a dar para rematar os dous procesos de concentración parcelaria da localidade: o de Mondoñedo Norte (parroquias de Masma, Vilamor e Coubeira) e o da zona de Sasdónigas.
Os populares locais fixeron estas declaracións despois da última publicación no Diario Oficial de Galicia, a través do que a administración autonómica anunciaba que os propietarios das parcelas da concentración de Sasdónigas poderán tomar xa posesión provisoria dos predios de substitución.
Así, o avance deste concentración foi constante ao longo deste ano, durante o que a Xunta de Galicia levou a cabo o proceso de delimitación das novas parcelas, que afectan a máis de 250 propietarios; nunha superficie que ascende a 625,58 hectáreas.
Deste xeito, a Xunta de Galicia está case a rematar un proceso que acumula máis de 45 anos de tramitación, sendo un goberno do Partido Popular o que o desbloqueou e agora lle dá os pasos definitivos para o seu remate, tras un investimento que supera os 1,2 millóns de euros. Os propietarios poderán presentar reclamacións durante un prazo de dous meses.
Concentración de Mondoñedo Norte
Os populares lembraron tamén que o marcado compromiso da Consellería do Medio Rural se está a poñer de manifesto nos avances que se están a dar no proceso de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte.
A Xunta de Galicia esta a desenvolver a segunda fase de execución dos camiños secundarios, cun investimento que supera os 200.000 euros.
Polo tanto, os feitos demostran que a Xunta está a reafirmar de forma constante a súa aposta polo rural mindoniense, a través dos avances nos procesos de concentración parcelaria que permitirán un maior desenvolvemento do agro.
Deste xeito, o PP amosa a súa satisfacción por esta adopción dos pasos conducentes á finalización dos dous procesos de concentración parcelaria do municipio. En reiteradas ocasións, os populares locais amosaron o seu forte compromiso para que as concentracións rematen, converténdose nunha das preocupacións constantes do Partido Popular de Mondoñedo.