Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG, satisfeito porque o “intenso traballo do partido, os alcaldes e os veciños” fixo que Gallardón recúe e manteña os 9 partidos xudiciais

LUGO, 1 DE AGOSTO DE 2014.- O secretario de Política Municipal da executiva do PSdeG na provincia de Lugo, Álvaro Santos, manifestou este venres a súa satisfacción porque o “intenso traballo e mobilizacións” que veñen realizando nos últimos meses os membros do partido e os alcaldes socialistas da provincia da man dos veciños “dese finalmente os seus froitos”, e o Goberno de Rajoy “decidise por fin recuar e manter todos os partidos xudiciais”.

Santos referiuse ó anuncio que o ministro Gallardón fixo este xoves en Santiago de Compostela, segundo o que introducirá cambios no anteproxecto de lei de reforma da planta xudicial, que prevía eliminar partidos xudiciais e concentralos nas catro capitais de provincia galegas. O socialista espera que esta rectificación do Executivo do PP “se converta nunha realidade, que se respecten as actuais demarcacións e que a Xustiza non se afaste máis dos cidadáns, nin sexa máis cara”. “Alegrámonos de que, por fin, o Goberno entendese que a reforma que tiñan plantexada é un disparate, supoñía un ataque á igualdade e á xustiza de proximidade e que non tiña para nada en conta a realidade social e xeográfica da nosa provincia”, subliñou Santos.

Dentro da campaña de reivindicacións emprendida polos socialistas para frear as intencións do ministro, celebrouse un programa de xornadas informativas pola provincia sobre a supresión dos partidos xudiciais, nas que participou o ex ministro Francisco Caamaño; os alcaldes presentaron no rexistro da Subdelegación do Goberno unha carta dirixida ó ministro de Xustiza a través da que lle solicitaban unha entrevista para pedirlle o mantemento das demarcacións; e presentáronse iniciativas no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado.

Exit mobile version