Site icon Crónica3.com A Mariña

O vindeiro sábado, 23 de agosto, terá lugar o II Mercado de Rúa, que organiza ACISA Ribadeo

Ribadeo, 19 de agosto de 2014.- A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo organiza a segunda edición do seu Mercado de Rúa co que intentará animar o casco urbano ribadense e captar novos clientes. O evento terá lugar o vindeiro sábado, 23 de agosto, en horario comercial en el participarán medio centenar de establecementos comerciais. Dende Acisa animan aos clientes do comercio ribadense a participar nesta cita e recórdanlles que poderán beneficiarse de descontos e promocións, ademais dunha ampla oferta lúdica.

Como na anterior edición, este II Mercado de Rúa terá como obxectivo sacar as tendas e os escaparates dos comercios ribadenses ás rúas para incentivar as compras e captar novos clientes. Pero dende a directiva de Acisa recordan que ademais, para darlle máis visibilidade ao evento, “decidimos realizar unha serie de actividades de animación entre as que se atopan dous desfiles urbanos. O primeiro terá lugar a partir das 20:30 horas pola rúa Ramón González e o segundo a partir das 21:30 pola rúa Reinante. Paralelamente, tamén se celebrará na rúa San Francisco un mercadillo organizado pola asociación”.

Acisa subliña que habilitará un espazo na rúa San Francisco “para que tódalas tendas que se atopan situadas fóra do casco urbano poidan instalar alí os seus escaparates e achegar as súas propostas á clientela que ese día aproveitará este Mercado de Rúa para facerse con moda, complementos, etc”. Dende Acisa móstranse convencidos de que este II Mercado de Rúa servirá de pasarela para mostrar as últimas tendencias de moda no municipio e confía en que a iniciativa motive á xente a pasar un sábado de compras na zona peonil ribadense.

Exit mobile version