Site icon Crónica3.com A Mariña

Os catro concelleiros socialistas de Foz anuncian a súa baixa do partido

Os catro concelleiros do grupo municipal do PSdeG PSOE de Foz, Ramón Sixto Legaspi, Enrique Cotarelo García, Ana Villarino Alonso e Manuel Casabella Otero tomaron “de xeito unánime a decisión irrevocable de cursar a baixa no Partido Socialista e de pasarnos como concelleiros non adscritos a ningún partido político este vindeiro mércores despois de preparar a documentación necesaria para facer efectivo este trámite.

“Tomamos esta decisión despois de que fose aceptada e tramitada por parte da Executiva Local de Foz e sen ningún tipo de reparo a solicitude de alta novamente no PSOE de Foz do tránsfuga Xaime Cancio, con un currículo repleto de idas e vidas en distintas formacións políticas (PP, CNG, PSOE, UNIFOZ e novamente no PSOE, con varios ceses incluídos en distintas delegacións), recordando que estes últimos catro anos formou un partido político para ir en contra do Partido Socialista de Foz e do anterior alcalde; non chegándolle con esto, permitiu un goberno de dereitas no Concello de Foz”.

“Queremos deixar ben claro que non podemos seguir formando parte deste grupo político cando este tránsfuga vai estar como concelleiro independente afiliado ao Partido Socialista nesta mesma corporación municipal”.

Por todo isto, “pedimos a dimisión desta persoa da corporación municipal por non ser digno de representar aos veciños cando ven de dimitir dun partido político, pasarse ao grupo mixto e afiliarse a outro partido. Estamos a ser testemuñas do esperpento político máis grande da historia de Foz, por non dicir de todo Galicia ou incluso de todo o país”.

A maiores, engaden que “nos sentimos totalmente traizonados, ninguneados e humillados por parte de tódolos órganos de dirección do Partido Socialista dende a Executiva Local, dende a Provincial co señor Santín á cabeza e polo propio Secretario Xeral Galego Xosé Ramón Gómez Besteiro”. Dende o comezo desta lexislatura non tivemos nin o máis mínimo apoio deste partido cando o único mal que fixemos foi formar parte da lista do PSOE nas anteriores eleccións municipais”.

Aínda así, aseguran que “estes catro concelleiros vamos a seguir traballando polos intereses dos nosos veciños ata o último día da lexislatura como viñemos facendo ata o de agora, faremos unha oposición de control e construtiva, con miras cara as próximas eleccións”.

Finalmente engaden que “nos sentimos apoiados nesta decisión por moitos votantes e militantes que se senten defraudados cos dirixentes actuais do Partido Socialista, sendo para todos un día moi triste por ter que tomar esta decisión forzados por todas estas circunstancias. Estamos convencidos de que vivimos un momento onde sobran políticos e faltan persoas”.

Exit mobile version