Site icon Crónica3.com A Mariña

Os primeiros lucenses maiores de 50 anos desfrutan dos novos descontos da Deputación en balnearios da provincia

IMG_2618Lugo, 26 de agosto de 2014.- Lucenses maiores de 50 anos desfrutan esta semana dos descontos para tratamentos terapéuticos en balnearios da provincia, que ofrece a Deputación de Lugo. Son os primeiros 20 participantes na cuarta edición de Termalismo no Camiño. Forman parte das 435 persoas que se inscribiron durante o mes de agosto en dita programación do organismo provincial. Quedan libres outras 765 prazas subvencionadas, que se poden solicitar chamando ó 982-26-00-75 ou entrando en www.deputacionlugo.gal, onde se atopa o formulario que é preciso completar e entregar no Rexistro do Pazo Provincial.

Ata finais de ano, os interesados nestas prazas contarán con descontos nos paquetes detallados a continuación -que son os que subvenciona a Deputación con 50 euros- no Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas, no Hotel Balneario Río Pambre e no Oca Augas Santas Balneario & Golf Resort.

6 días con 5 noites de estancia
5 pensións completas
Día de entrada, domingo: incluídos cea e aloxamento
Día de saída, venres: incluídos almorzo e comida e 8 técnicas de balneario
Un recoñecemento médico á chegada
De luns a xoves haberá programas con actividades de animación sociocultural

Poderanse prolongar os tratamentos terapéuticos ata os 10 días, sen desconto da Deputación os 5 días a maiores, pero con prezos economicamente vantaxosos.

Suma de 4.200 prazas
Esta é a 4ª edición de Termalismo no Camiño que pon en marcha a institución na provincia en impulso do benestar social e o turismo medioambiental. Faino con 60.000 euros de fondos europeos logo do éxito das tres anteriores convocatorias, coas que preto de 3.000 persoas desfrutaron de descontos en instalacións termais da provincia. Con esta nova convocatoria, a Deputación suma un total de 4.200 prazas subvencionadas.

126 millóns de euros
Con Termalismo no Camiño, a institución impulsa, ademais, un sector clave para a económica, como é o termal, que xera riqueza e emprego, combatendo o despoboamento demográfico. Unhas 150.000 persoas visitan ó ano Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, posto que conta con 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen, xerando beneficios de 126 millóns de euros anuais. Lugo conta, a maiores, con balnearios ó pe dos 800 quilómetros de rutas de peregrinación, convertendo á provincia nun destino de indubidable interese para este tipo de turismo desestacionalizado, tanto a nivel nacional como internacional. Hai que destacar, ademais, que os balnearios son exemplo de modelo de empresa sostible, garantindo o futuro do recurso e fixando poboación grazas á creación de emprego local.

Requisitos dos balnearios
Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas, Hotel Balneario Río Pambre e Oca Augas Santas Balneario & Golf Resort son os establecementos que resultaron beneficiados do concurso público desta programación, á que puideron optar, tal e como recollen as bases publicadas no BOP, os balnearios da provincia que empreguen as augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde, segundo establece a lei de regulación de augas minerais, termais e de manancial da Comunidade galega.

“Defensa dos dereitos dos traballadores e do público”
Dentro da aposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, “pola defensa dos dereitos dos traballadores e do público”, e en cumprimento da Lei de Subvencións, outros dos requisitos que fixou a Deputación ós balnearios lucenses para poder beneficiarse de Termalismo no Camiño foron: non ter solicitado a declaración de concurso voluntario; non estar declarados insolventes ou en concurso; non estar sancionados mediante resolución firme coa perda de obter subvencións; ou estar ó corrente no cumprimento das obrigas tributarias, entre outros.

Exit mobile version