Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas preguntan en Burela polos “motivos das viaxes de dúas concelleiras á Xunta varias veces ó mes”

As institucións e administracións públicas deben ser un reflexo de bo facer en todos os ámbitos da súa actividade e deben de render conta de esa actividade de forma transparente, entendible, xustificada, democrática e puntual á cidadanía. E recoller ideas, iniciativas, peticións, etc., a través de canles de participación da sociedade no seu conxunto.

O equipo de goberno (PP) do Concello de Burela, manifestou durante toda a lexislatura que non é precisamente un exemplo a seguir en cuestións de participación ou transparencia. Exemplos hai moitos pero podemos destacar a nula transparencia e participación na aplicación das axudas nominativas a colectivos e asociacións, onde se reparten cantidades de cartos sen que existan bases nin criterios obxectivos, ou na decisión de facer unha modificación puntual na relación de postos de traballo (RPT) co único fin de crear un complemento salarial nominativo a unha praza concreta de funcionario sen contar coa Mesa de Negociación, e sen aplicar criterios xustos en comparación con outras prazas con idénticas condicións para ser modificadas, ou cando se redactou o Plan Xeral sen contar coa opinión de colectivos veciñais, grupos políticos, asociacións corporativas ou representantes de asociacións veciñais para o patrimonio e empresariais.

Outra faceta importante onde a transparencia destaca pola súa ausencia é no apartado de dietas. Aquí os grupos da oposición temos serios problemas para poder valorar a causa e o efecto que o pago de ditas dietas teñen para o beneficio xeral da os veciños/as de Burela. O alcalde circula por institucións, feiras e mercados, cidades e pobos sen que en tres anos e pico que leva de lexislatura se notase en ningunha faceta (infraestruturas, obras, mellora de servizos municipais, melloras laborais, medio ambiente, turismo, actividade empresarial, sanitaria, educativa, cultural, económica e social) a xustificación de tanta dieta presentada, e moitas delas sen especificar exactamente a que vai e con quen fala.

Outra cuestión que nos preocupa son as dietas que algúns concelleiros veñen recibindo sistematicamente dende o inicio da lexislatura, e por esta razón o Grupo Municipal Socialista presentou no Concello un escrito solicitando documentos que xustifiquen os motivos das viaxes que dúas concelleiras (cultura e deportes) veñen facendo sempre ó mesmo sitio, Xunta de Galicia, varias veces ó mes dende o inicio da lexislatura, cobrando desprazamento e manutención e que ningunha delas especifica, para nada, o horario das visitas, departamentos e persoas visitadas, nin causas ou motivos polas que viaxan. É curioso que estas dietas só estean asinadas polo señor alcalde.

Pedimos, tamén, explicación de por qué cada concelleira viaxa en días diferentes, e non aproveiten a oportunidade de compartir coche, e que beneficios teñen estas viaxes para o Concello ou para os veciños/as de Burela.

Facemos a petición por escrito porque xa preguntamos varias veces, por esta causa, en diferentes plenos sen obter resposta. Como a nosa intención é que os veciños estean ben informados, e que en base a dita información confíen nas institución e nos seus representante, agardamos que o señor alcalde aporte a documentación requirida onde nos explique con claridade e certeza as razóns imprescindibles polas cales quede demostrado a necesidade de tanta viaxe.

No caso contrario non vai a ser o Grupo Socialista o único que pense que hai prácticas do equipo de goberno que se sustentan no caudillismo.

Exit mobile version