Site icon Crónica3.com A Mariña

Os traballos de reparación da rotura na rede xeral de abastecemento de auga en Foz continuarán durante toda a xornada

Foz, 14 de agosto de 2014. Durante toda esta xornada continuarán os traballos de reparación da rotura que se producía esta mañá na rede xeral do abastecemento de auga de Foz. Ocorreu na confluencia da rúa Álvaro Cunqueiro coa Avenida da Mariña. O alcalde, Javier Castiñeira, pide desculpas polas molestias que se puidesen ocasionar aos veciños.

O rexedor explicou que “na mañá de hoxe debido sobre todo a unha sobrecarga de auga na rede xeral do núcleo urbano de Foz, houbo unha rotura na rede que leva a auga cara ao depósito central do concello. Esta rotura provocou un pequeno corte no subministro a primeira hora da mañá, no núcleo urbano. Conseguiuse restaurar o abastecemento, aínda que si é certo que as obras de reparación van seguir durante todo o día, xa que se trata dunha reparación grande na parte central da canalización”.

Castiñeira pide “desculpas sobre todo aos veciños que hai no centro polas molestias que lles puido ocasionar o corte, aínda que a auga estivo restablecida xa dende media hora practicamente despois de ter lugar o suceso. Seguiremos traballando un día ou dous para rematar con esta reparación da rede e da propia beirarrúa que quedou bastante danada. Foi na zona comercial na confluencia de Álvaro Cunqueiro coa Avenida da Mariña, na Glorieta de Vilalba, onde alarmou bastante”.

O alcalde focense dixo: “isto significa que o pobo está a tope e que o subministro de auga está funcionando a máximos, polo que estas cousas poden suceder. Novamente, pedir desculpas por calquera molestia que puido haber e recordar que a empresa está traballando a tope reparar totalmente a avaría e os danos causados o antes posible”.

Exit mobile version