A rexedora explicou que “dende este luns xa podemos tramitar nas oficinas municipais os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación. Isto foi grazas a que asinamos coa xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, un protocolo de adhesión ao convenio que firmou no seu día a Federación Española de Municipios e Provincias coa Dirección General de Tráfico”. Emma Álvarez destacou que “con este convenio o que se permite é que os cidadáns poidan tramitar dende o Concello o cambio de domicilio no seu permiso de condución e tamén no permiso de circulación dos vehículos que posúa”.
A alcaldesa de Lourenzá engadiu que “este convenio permítelle ao cidadán que poida realizar estes trámites dende a súa oficina municipal, evitando desprazamentos no noso caso á capital, á Lugo. Por outro lado, a adhesión a este convenio tamén permite unha maior actualización dos rexistros de condutores e de vehículos”. Unha actualización coa que Álvarez espera “que melloren os servizos de xestión tributaria dos concellos e tamén as notificacións.
Para a rexedora laurentina “o convenio recolle ademais diversas medidas que potencian a comunicación de información entre a Dirección General de Tráfico e o Concello.”