Barreiros, 18 de agosto de 2014. Ata o vindeiro venres, 22 de agosto, é posible anotarse no Concello de Barreiros de 9 a 13 horas para participar na xornada lúdica Ponlle as pilas ao teu bocata. A actividade, destinada a nenos e nenas de 5 a 14 anos, terá lugar o vindeiro 26 de agosto ás 12 da mañá na praza do Concello.
Segundo explican desde o Concello “trátase de que os nenos e as nenas participen nunha xornada lúdica sobre o consumo de peixe e marisco, informando dos beneficios das conservas e das enerxías que estas aportan. A actividade consiste na realización dun xogo lúdico-educativo e a posterior elaboración de bocatas de conservas por parte dos asistentes”.
Desde o departamento de Servizos Sociais subliñan que “é necesario inscribirse para participar nesta cita. O límite de prazas é de 50. Os interesados poden achegarse ao Concello ata este venres de nove da mañá a unha do mediodía”.
Ponlle as pilas ao teu bocata é unha actividade organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello barreirense en colaboración coa Xunta de Galicia.