Site icon Crónica3.com A Mariña

Primeiras 100 solicitudes para as prazas subvencionadas nos balnearios que ofrece a Deputación co Termalismo no Camiño

Nos dous días que leva aberto o prazo de inscrición das 1.200 prazas subvencionadas en balnearios da provincia, que ofrece a Deputación a lucenses maiores de 50 anos co Termalismo no Camiño, rexistráronse un cento de solicitudes. Os interesados nesta programación poden inscribirse chamando ó 982-26-00-75 ou entrando na páxina web da institución, www.deputacionlugo.gal, onde atoparán o formulario de solicitude que deberán completar e entregar no Rexistro do Pazo de San Marcos.

As 1.200 prazas subvencionadas, que se poderán desfrutar durante agosto e ata decembro, distribúese do seguinte xeito: 30 no Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas; 200 no Hotel Balneario Río Pambre; e 970 no Oca Augas Santas Balneario & Golf Resort. Estes 3 establecementos ofrecen descontos nos paquetes detallados a continuación, que son os que subvenciona a Deputación con 50 euros, facendo que os prezos se rebaixen ata os 80/84 euros sen estancia, e de 180 euros con ela.

– 6 días con 5 noites de estancia
– 5 pensións completas
– Día de entrada, domingo: incluídos cea e aloxamento
– Día de saída, venres: incluídos almorzo e comida e 8 técnicas de balneario
– Un recoñecemento médico á chegada
– De luns a xoves haberá programas con actividades de animación sociocultural

Poderanse prolongar os tratamentos terapéuticos ata os 10 días, sen desconto da Deputación os 5 días a maiores, pero con prezos economicamente vantaxosos.

Suma de 4.200 prazas
Esta é a 4ª edición de Termalismo no Camiño que pon en marcha a institución na provincia en impulso do benestar social e o turismo medioambiental. Faino con 60.000 euros de fondos europeos logo do éxito das tres anteriores convocatorias, coas que preto de 3.000 persoas desfrutaron de descontos en instalacións termais da provincia. Con esta nova convocatoria, a Deputación suma un total de 4.200 prazas subvencionadas.

126 millóns de euros
Con Termalismo no Camiño, a institución impulsa, ademais, un sector clave para a económica, como é o termal, que xera riqueza e emprego, combatendo o despoboamento demográfico. Unhas 150.000 persoas visitan ó ano Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, posto que conta con 7 dos 8 tipos de augas medicinais que existen, xerando beneficios de 126 millóns de euros anuais. Lugo conta, a maiores, con balnearios ó pe dos 800 quilómetros de rutas de peregrinación, convertendo á provincia nun destino de indubidable interese para este tipo de turismo desestacionalizado, tanto a nivel nacional como internacional. Hai que destacar, ademais, que os balnearios son exemplo de modelo de empresa sostible, garantindo o futuro do recurso e fixando poboación grazas á creación de emprego local.

Requisitos dos balnearios
Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas, Hotel Balneario Río Pambre e Oca Augas Santas Balneario & Golf Resort son os establecementos que resultaron beneficiados do concurso público desta programación, á que puideron optar, tal e como recollen as bases publicadas no BOP, os balnearios da provincia que empreguen as augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde, segundo establece a lei de regulación de augas minerais, termais e de manancial da Comunidade galega.

“Defensa dos dereitos dos traballadores e do público”
Dentro da aposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, “pola defensa dos dereitos dos traballadores e do público”, e en cumprimento da Lei de Subvencións, outros dos requisitos que fixou a Deputación ós balnearios lucenses para poder beneficiarse de Termalismo no Camiño foron: non ter solicitado a declaración de concurso voluntario; non estar declarados insolventes ou en concurso; non estar sancionados mediante resolución firme coa perda de obter subvencións; ou estar ó corrente no cumprimento das obrigas tributarias, entre outros.

Exit mobile version