Site icon Crónica3.com A Mariña

Produart abre as súas portas na tarde deste venres en Burela que acolle tamén a XXX Festa do Bonito, o sábado

Burela, 1 de agosto de 2014. Produart, a feira dos produtos artesanais e ecolóxicos, abre as súas portas esta tarde na nave de redes en Burela.

O alcalde, José Mª González Barcia, contou que “hoxe pola tarde, a partir das 17:00 horas, abre as súas portas a duodécima edición da feira Produart, unha feira de produtos artesanais e vinculados co medio ambiente que se ven celebrando en Burela de forma ininterrompida dende o ano 2003”.

O rexedor explicou que “Produart é unha feira onde se pode atopar dende, por exemplo, anchoas de Santoña envasadas á man ou chourizos dos Ancares, pasando artesanía de coiro ou elementos vinculados coa agricultura ecolóxica. Trátase dunha feira que intenta destacar as potencialidades que temos dende o aspecto medioambiental e da natureza”.

O evento será inaugurado a partir das 19:00 horas. No acto participarán o alcalde, José Mª González Barcia, e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez. Produarte abre hoxe, venres, de 17:30 a 22 horas. E o sábado e do domingo de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 22 horas.

González Barcia tamén se referiu á XXX Feira do Bonito: “para mañá sábado está prevista a celebración da Festa do Bonito, cunha recepción das persoas invitadas no barco museo Reina del Carmen ás 13:30 do mediodía, para despois proceder ao izado da bandeira azul do barco museo e ao mesmo tempo á entrega dos galardóns bandeira azul tanto ao Centro de Educación Ambiental Gaia e á ruta do litoral, para os paseos marítimos. O pregón será a cargo da conselleira de Mar, Rosa Quintana, a partir das 14:00 horas do mediodía, e xa a partir das 14:30 comezará a degustación de bonito en si mesma”.

O alcalde considera que “este é un fin de semana realmente importante e xa consolidado en Burela. Esperamos e confiamos en que o tempo nos axude e que polo tanto, a presenza de xente sexa importante, intensa e que por encima de todo o pasen ben que de iso se trata”.

Exit mobile version