Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle até final de mes a exposición “Nunca Máis, a rebelión dun pobo”

Ribadeo, 19 de agosto de 2014.- A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle até final de mes a exposición Nunca Máis, a rebelión dun pobo, unha mostra fotográfica, que pretende chamar a atención sobre todo o que supuxo, dende o eido social e cultural, o Movemento Nunca Máis, consecuencia do embarracamento nas costas galegas con 77.000 toneladas de fuel do petroleiro Prestige aquel 13 de novembro de 2002.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, que hoxe visitou a mostra acompañado polo alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que esta exposición “representa a dignidade que os galegos e as galegas demostraron naqueles días de confusión e desesperación ante unha traxedia que se converteu en catástrofe grazas á despreocupación e á ineficiente xestión dun Goberno que deixou só e desprotexido a todo un pobo. Coa acción reivindicativa de Nunca Máis, mostrouse o orgullo de ser galego ou galega, o orgullo de pertencer a un pobo que defende e protexe o seu. Nunca Máis foi a chispa dun dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos”.

“A arte –continuou o vicepresidente da Deputación– é a expresión do que acontece e sinte unha sociedade e por iso, ao redor de Nunca Máis xerouse todo un movemento cultural do cal forma parte esta exposición. Os artistas tomaron o pulso do país nun momento de tristeza e pesadume do que naceron importantes obras no eido da escrita, das artes plásticas e da música. A cultura galega de principios do século XXI xa non se pode explicar sen facer referencia ao afundimento do Prestige, á catástrofe que provocou, e á marea humana que ao seu carón xurdiu e que se plasmou en todas as ramas da cultura”.

Esta mostra itinerante, comisariada polo historiador Uxío Breogán Diéguez, e que estivo xa exposta no Museo do Mar de San Cibrao, no Conservatorio de Viveiro e no Centro Comarcal mindoniense rematará o seu percorrido pola comarca da Mariña en Ribadeo nesta última quincena do mes de agosto.

Coa creación desta exposición, que durante estes meses de verán estivo itinerando por diversos concellos da comarca no afán de que chegase ao maior número de mariñás e mariñáns, a Vicepresidencia da Deputación quixo facer unha homenaxe a todo o pobo galego, a todos aqueles que se achegaron a Galiza para axudar, e ao traballo da Plataforma Nunca Máis.

Proxección do filme ‘Encallados’
Paralelamente a esta exposición e para completar o seu contido, Ribadeo acollerá, o vindeiro día 26 de agosto a proxección do filme Encallados, que tamén poderá verse no Teatro ás 20:30 horas.

Encallados, que recibiu tres premios Mestre Mateo á mellor película para TV, á mellor dirección de fotografía e á mellor montaxe, é unha comedia rodada en Santiago de Compostela, en branco e negro, en 16 mm. Unha mirada ao noso cine e ao contexto no que vivimos chea de honestidade, autocrítica, melancolía e humor, coa catástrofe do Prestige de fondo. Unha película que nace a partir do fracaso de intentar facer outra, cando a Zarauza lle encargaran a realización dunha película sobe o Prestige, imposible de levar a cabo tendo en conta as condicións económicas e de traballo impostas. Profesionais do cinema lucenses como Luís Tosar, forman parte deste proxecto cinematográfico.

Neste sentido, Antonio Veiga agradeceu a todo o equipo da película “por facernos máis coñecedores dun dos peores episodios da historia galega recente; un fito que fixo que a sociedade galega se erguera xerándose un dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos, como é Nunca Máis”.

Ficha técnica e artística
Dirección: Alfonso Zarauza.
Actores: Xúlio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro, Farruco Castromán.
Coa colaboración especial de Luís Tosar.
Produción executiva Luis Tosar, Farruco Castromán, Pizca Gutiérrez
Guión Alfonso Zarauza, Xosé Castro “Pato”, Andy Mahía
Dirección de fotografía Alberto Díaz Bertitxi (A.E.C.)
Dirección de arte Jaione Camborda Coll.
Son: Xavi Souto.
Axudante de dirección e xefe de produción: Pablo Atienza.
Montaxe: Adrián Pino.
Música: Robi C. Goday, Raquel Vilas Zarauza.
Unha película de ZircoZine distribuída por MrMisto.
Distribución: Xoán Mariño.
Comunicación: María Yáñez.
Deseño gráfico: Pablo Dávila.

Exit mobile version