Ribadeo, 11 de agosto de 2014. A sala multiusos do Real Club Náutico de Ribadeo acollerá do 18 ao 20 de agosto un curso de astronomía. Está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello.
O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, explicou que “os días 18, 19 e 20 de agosto faremos un curso de astronomía na sala multiusos do Real Club Náutico de Ribadeo. O horario será de 11 a 12 polas mañás e de 22:30 a 23:30 horas polas noites. Realizarao a Universidade de Santiago de Compostela dentro do proxecto A astronomía ao alcance de todos en colaboración co noso Concello. Será financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)”.
Todas aquelas persoas que queiran asistir poden anotarse a través do teléfono do Concello 982.120.701 ou por correo electrónico na dirección sostibilidade@ribadeo.org.
Tres novas observacións
O edil nacionalista tamén anunciou que ao longo das vindeiras semanas haberá tres observacións astronómicas en Ribadeo: “o día 16 de agosto ás dez e media da noite farase unha observación astronómica pública na praia das Catedrais e o día 17, tamén as dez e media da noite, farase outra observación pública na Praza de España. E o 6 de setembro faremos unha observación astronómica en Remourelle”.