Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo recibe este mércores a campaña de reciclaxe impulsada pola Xunta ‘Separemos ben, reciclaremos mellor’

Ribadeo, 18 de agosto de 2014. Un ano máis, a Concellaría de Medio Ambiente de Ribadeo recibe a campaña de reciclaxe impulsada pola Xunta e Sogama: Separemos ben, reciclaremos mellor. Con ela, o Concello intenta incidir sobre a poboación para que esta leve a cabo unha reciclaxe responsable usando o reclamo Non rompas o esforzo de todos: recicla. A campaña levarase a cabo nunha aula móbil, que estará situada no parque de San Francisco entre as once da mañá e as dúas de mediodía do vindeiro mércores, 20 de agosto. Alí, varios monitores informarán a veciños e visitantes sobre os riscos que ten non reciclar correctamente. Ademais, os máis pequenos poderán participar no Xogo da Reciclaxe de Sogama, que se levará a cabo no mesmo horario nunha carpa situada en paralelo á aula móbil.

Dende o Concello, Horacio Cupeiro, responsable local de Medio Ambiente, explicou que “o obxectivo da campaña é incidir directamente na poboación para que comprenda a importancia de mellorar a clasificación dos residuos xerados nos seus fogares e informar sobre qué residuos hai que depositar en cada tipo de colector, co fin de mellorar a reciclaxe”.

O concelleiro engadiu que “a pretensión desta actuación non é outra que a de incrementar as taxas de reciclado en Galicia e alcanzar os beneficios ambientais e económicos que trae consigo a correcta separación dos residuos por parte da cidadanía e o depósito dos mesmos nos distintos colectores de recollida selectiva emprazados nas vías públicas”. Para Cupeiro esta campaña de concienciación serve para que “un xesto sinxelo se converta nun acto con importantes vantaxes, dende tódalas frontes, para todos nós”.

Exit mobile version