Site icon Crónica3.com A Mariña

Trinta expositores de Galicia e de Asturias daranse cita o 30 e 31 de agosto na XI Mostra de Agricultura Ecolóxica e Desenvolvemento Sostible Eco 21, en Vegadeo

280814 Foto Eco 21 (1)Vegadeo, 28 de agosto de 2014.- O parque feiral de Vegadeo acollerá o próximo fin de semana, os días 30 e 31 de agosto, o XI Edición da Mostra de agricultura ecolóxica e desenvolvemento sostible Oscos- Eo- Eco 21. O evento, que se presentou na mañá deste xoves, está organizado polo Concello de Vegadeo, en colaboración coa Asociación de Comerciantes do municipio (ASCOVE), o Consello para a Produción Agraria Ecolóxica de Asturias (COPAE) e o Principado. Na mostra daranse cita unha trintena de expositores, sobre todo, de Galicia e de Asturias. Contará cun mercado de produtos certificados de agricultura ecolóxica, un horto ecolóxico, unha mostra de razas de gando autóctonas do Principado de Asturias e sortearase unha cesta con produtos ecolóxicos. A entrada é gratuíta.

A undécima edición de ECO 21 comezará o sábado coa apertura do recinto feiral ás 11:00 da mañá, coincidindo coa celebración do mercado semanal. Ás 11:30 terá lugar o acto inaugural no que intervirán a Directora Xeral de Agroganadería e Recursos Autóctonos, Tomasa Arce Bernardo, o presidente do Consello Regulador para a Produción Agraria Ecolóxica de Asturias, Javier González Aguilar e a alcaldesa de Vegadeo, Begoña Calleja Quijada. Tras a inauguración, poñerase en marcha un taller de consumo sostible impartido polo parque da Vida – Cepesma. O recinto feiral pechará as súas portas dende as 14:00 horas ata as 16:30, momento no que a mostra se reactivará cunha charla-coloquio moderada por COPAE e que levará o título de Encontro entre produtores ecolóxicos de Asturias e Galicia e outros produtores locais. En paralelo a esta charla, seguirá o taller de consumo sostible. Ás 17:30 haberá un taller de cociña ecolóxica e enerxética a cargo de Sonia Oceransky. Ás 20:00 da tarde a Cooperativa de Tenreira Ecolóxica BIOASTUR ofrecerá unha degustación de hamburguesas ecolóxicas para pechar a primeira xornada de Eco 21.

O domingo 31 volverase abrir o recinto ás 11:00 da mañá. Ás 12:00 Guillermo García González de Lena, técnico do SERIDA (Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias), impartirá unha charla sobre El cultivo de faba en ecolóxico. Os asistentes á mostra tamén poderán gozar durante a mañá do taller de consumo sostible impartido polo parque da Vida – Cepesma. Ás 13:00 horas haberá de novo unha degustación de hamburguesas ecolóxicas a cargo de BIOASTUR. O recinto pechará de 14:00 horas a 16:30, pero a partir desta hora volverase poñer en marcha o taller de consumo sostible. Ás 17:00 será a quenda do VIII Campionato do Mundo de Patefa na explanada exterior do recinto feiral vegadense. A Asociación de Comerciantes de Vegadeo (ASCOVE), patrocina esta competición deportiva que concluirá coa entrega de premios aos gañadores ás sete da tarde. Antes, ás 18:30 celebrarase o sorteo dunha cesta con produtos ecolóxicos coa que os expositores queren obsequiar os visitantes. A mostra concluirá ás 19:30 cun acto de clausura no que se entregará un premio especial ao mellor posto da feira.

Begoña Calleja, alcaldesa de Vegadeo, invitou a “todos os que veñen da bisbarra e da Mariña esperando encontrar unha feira ecolóxica, e como non, aos do pobo que como cada ano nos acompañan nun evento que pon un pouco o fin ás actividades propias do verán neste último fin de semana de agosto”. Calleja comentou que “o número de expositores este ano rolda os 30 e o presuposto está próximo aos 6.000 euros. Contamos con expositores que veñen de Asturias e Galicia, e estamos pendentes dun expositor que virá con aceite dende o sur de España. A entrada como en cada edición é gratuíta e as grandes novidades deste ano son a participación do CEPESMA co seu taller de consumo responsable impartido polo parque da Vida, a degustación de hamburguesas ecolóxicas e a realización dun taller de cociña ecolóxica e enerxética”.

A alcaldesa aproveitou o acto de presentación da Mostra Eco 21 para afirmar que “cada vez custa máis facer este tipo de feiras, que cada vez van sendo menos, porque é moi substancial a rebaixa que se fixo nas axudas que se realizan. Estamos a falar de que tanto por parte do COPAE, coma por parte da Consellaría, reduciron moito as axudas a este tipo de sectores, que sen dúbida cremos que están en alza e polos que Vegadeo leva xa apostando 11 anos. Pero realmente estanos a custar moito traballo sacar adiante feiras así. A axuda do COPAE hai 5 anos ascendía a case 6.000 euros e este ano foi de 300. Son reducións que non corresponden a axustes como se fan noutros tipos de sectores, senón que déixase de apoiar este tipo de cuestións porque cando se trata de pagar 6.000 euros por unha achega e se deixa en 300, o que se fai é desbarajustar o todo. Nós por exemplo vemos por parte do COPAE moi precaria esta situación, porque a súa axuda non nos serve nin sequera para pagar o horto ecolóxico que se subvencionara o ano pasado. Custábanos 1.200 euros o devandito horto ecolóxico, e este ano en lugar de subvencionar ese horto, serán 300 euros de subvención”.

Calleja concluíu dicindo que “as subvencións de 300 ou 2.000 euros non nos axudan para nada a este tipo de actuacións e tivemos que tirar un pouco case de recursos propios. Sen dúbida, é e será unha feira que nos está a custar moito manter en pé, precisamente porque non se lles dá o apoio suficiente a este tipo de feiras”.

Exit mobile version