Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha ruptura institucional

CADERNOS DA VIAXE. Rajoy ven de confirmar en Soutomaior a decisión do PP estatal de garantirlle as alcaldías ás candidaturas máis votadas. Unha solución formalmente constitucional e que só precisa da reforma da lei orgánica do réxime electoral xeral (LOREX), para o que abonda a maioría absoluta popular en ambas as dúas Cámaras estatais. Pero que conleva, a pouco que se olle para ela, unha auténtica ruptura institucional.

As regras do xogo electoral constitúen unha normativa que precisa do consenso social, doutro xeito as Institucións afástanse fatalmente da cidadanía. E, no Estado español, a normativa de elección de alcaldes e concelleiros remanece case invariábel dende 1979. Modificala a seis meses da convocatoria electoral só se entende en termos de defensa do interese partidista conxuntural do PP. Velaí a noxenta parcialidade desta decisión.

Porque é falso que esta medida resposte aos intereses da cidadanía, que segundo as últimas enquisas rexeita maioritariamente esta opción. E que busque máis democracia. O que se está a tentar é que unha minoría (quizais dun 23-26% do censo electoral) monopolice o poder local, rachando a regra da proporcionalidade representativa que informa as nosas Institucións. Regra, por certo, xa ben deturpada en prexuizo da participación e da representatividade populares pola inxustiza da atribución de escanos D´Hondt e polo elevado limiar do 5% que ten deixado ás veces ás portas dos Concellos máis do 25% do voto cidadán.

Unha maioría parlamentaria que é quén de rachar as regras do xogo institucional cando moi logo se vai asubiar o comezo do partido constitúe un perigo para a democracia. Porque, no canto de apostar pola integración das minorías no xogo institucional, tenta excluir as maiorías sociais da gobernanza, ao coñecer de súpeto que o seu devalo electoral-ben patente nunhas europeas nas que perdeu, na Galicia, dezaoito puntos a respecto das europeas do 2009- lle vai impedir o control que mantiña até de agora en moitos concellos.

As regras electorais dunha democracia han nacer da concertación e do consenso. Impoñelas dende unha maioría episódica que xa non representa á maioría social nos leva, fatalmente, contra as rochas da confrontación social e do autoritarismo.

Xoán Antón Pérez-Lema

Exit mobile version