Site icon Crónica3.com A Mariña

Varios equipos de buzos impulsados pola CEMMA atopan ósos de balea nas augas de San Cibrao

osos-baleasCervo, 2 de agosto de 2013- Un amplo grupo de buzos chegados de diferentes puntos de Galicia permanecen na fin de semana en San Cibrao na procura de restos relacionados coa caza de baleas, unha actividade moi tradicional nesta zona en décadas pasadas. Nos primeiros mergullos xa atoparon varios ósos de cetáceos pero confían en seguir achando outras mostras para o seu estudo.

En concreto, os buzos realizan inmersións dende o venres ata o domingo nas augas da praia do Torno e Cubelas. Unha iniciativa que se inclúe dentro do proxecto “Galicia no lombo da balea II” que promove a CEMMA, a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños a través do GAC 7. Un proxecto que consta de varias actuacións, como a documentación, a obtención de fotografías, a creación de vídeos ou publicacións impresas, así como conseguir mostras reais.

Nas tarefas de mergullo están participando 3 buzos e unha persoa de apoio en terra do CEMMA, persoal do Museo de Historia Natural de Ferrol, un equipo de buzos do Centro de Actividades Subacuáticas Costa de Lugo de Ribadeo e buzos da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, en Ferrol, pertencente á Universidade de Santiago, coa colaboración do Concello de Cervo a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal e a Asociación Mar de San Ciprián.

A edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso valorou esta iniciativa como moi positiva “ya que nos puede ayudar a profundizar y conocer mejor la historia del puerto de San Ciprián y su tradición ballenera”. Por este motivo “nos pusimos en todo momento a disposición del CEMMA para colaborar en esta tarea y facilitar el trabajo de campo”.

Exit mobile version