Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación apoia con 3.500 euros a Festa da Maruxaina como referente na recuperación das lendas mariñeiras da comarca

pres-maruxainaSan Cibrao (Cervo), 5 de agosto de 2014. A Vicepresidencia da Deputación apoia con 3.500 euros a Festa da Maruxaina deste ano, que terá lugar o venres 8 e o sábado 9 de agosto en San Cibrao. O vicepresidente da institución provincial e responsable das áreas de Cultura e Turismo, o nacionalista Antonio Veiga, reuniuse este martes no Museo do Mar de San Cibrao con membros da Asociación Amigos da Maruxaina para concretar esta colaboración e presentar o programa festivo desta edición que contará coma todos os anos co tradicional desembarco e xuízo da Maruxaina e coa queimada posterior.

Antonio Veiga destacou que “festas coma esta, enraizadas na nosa tradición, que se ven celebrando dende 1985 e que está declarada Festa de Interese Turístico, serven para unirnos como pobo, para aumentar o noso orgullo de sermos galegos e galegas e son tamén un importante foco de atracción turística para toda unha comarca, como é a da Mariña”. Neste sentido, destacou a labor de moitas asociacións e colectivos da Mariña que desenvolven nos distintos concellos da comarca festas coma esta e que reciben o apoio da Deputación.

A presidenta a Asociación de Amigos da Maruxaina, Chus Méndez, detallou o programa da festa deste ano, que comezará o venres ás 19:00 horas co Grande Chupinazo, o nomeamento do Maruxaino de Honra 2014 e a música dos grupos Clan e Kilombeiros de Monte Alto. O sábado a festa comezará ás 11 da mañá coa música de Kilombeiros de Monte Alto, Charanga de Vilalba e Os Misturos-Gaiteiros de San Ciprián polas rúas da vila, o concurso de carros de comida e o xantar na praia do Torno. Pola tarde, haberá xogos olímpicos maruxainos e xa pola noite o desembarco e xuízo á Maruxaina, a grande queimada popular e a festa coas orquestras Alarma e Metrópolis.

A lenda da Maruxaina
Os habitantes desta parroquia mariñeira de Cervo non se poñen de acordo sobre o carácter e as verdadeiras intencións da Maruxaina, un personaxe que protagoniza unha das máis remotas lendas galegas e vive nas illas dos Farallóns. Uns din que é unha fermosa ninfa con corpo de muller e cola de peixe que ten envexa das mulleres dos mariñeiros, e por iso co seu sedutor canto atrae os mariñeiros para gozar da súa compañía. Outros manteñen que ela lles avisa dos temporais e que é unha vella bondadosa. En todo caso, a figura da Maruxaina está rodeada de misterio, e incluso nos tempos máis recentes a lenda alimentouse na zona cos naufraxios, por exemplo, do buque Castillo Moncada (1945), do pesqueiro Marifran (anos 50) ou do buque Carebeka VIII (1982).

Sexa como for, o pobo decidiu escenificar a lenda de Maruxaina, que conta que foi apresada e xulgada, e faino desde 1985 cunha festa que fascina a veciños e visitantes por igual. É unha festa que leva no seu espírito o poder enfeitizante da propia Maruxaina, e comeza pola mañá con distintos actos, xantar e xogos populares na praia do Torno. O acto central comeza un pouco antes da media noite. Homes e mulleres visten como as xentes do mar de tempos antigos: eles, co pantalón e a camisa remangados, e elas, con saias longas. Coas luces da vila apagadas, os homes saen ao mar na busca da Maruxaina e intérnanse nel facendo soar cornos e bucinas para non escoitar o canto da serea. Os mariñeiros regresan á praia do Torno coa figura da Maruxaina, en medio de fogos de artificio, e entre o clamar do público a nereida é conducida á praza da vila para ser xulgada polos seus actos de todo o ano no Gran Xuízo Popular. A Maruxaina é sempre absolta, e na lectura da sentenza o xuíz manda celebrar unha gran festa, con queimada incluída, ata o amencer.

PROGRAMA
Venres, día 8 de agosto_
19:00 – GRAN CHUPINAZO: Todos á prazoleta para comezar os actos da Maruxaina 2014.

19:15- A Asociación Amigos da Maruxaina proponvos matala fame cunha degustación de empanadas e bolos preñados, o viño poñémolo nós.

21:00- NOMEAMENTO DO MARUXAINO DE HONRA 2014. Coma sempre mantense o segredo ata o final, pero invitámosvos á prazoleta para desvelalo. Tamén terá lugar a entrega do Diploma á Rúa ou casa mellor engaiolada.

Despois percorreremos as rúas do pobo acompañados polo GRUPO DE MÚSICA TRADICIONAL ”CLAN”, patrocinado polo programa Musiqueando da ÁREA DE CULTURA-VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA- DA DEPUTACIÓN DE LUGO, e a charanga dos “KILOMBEIROS DE MONTE ALTO”.

Sábado, día 9 de agosto
11:00- GRAN CHUPINAZO: A charanga “OS KILOMBEIROS DE MONTE ALTO”, a “CHARANGA DE VILALBA” e os gaiteiros “OS MISTUROS-GAITEIROS DE SAN CIPRIÁN” encargaranse de poñernos en pé cun pasarrúas por todo o pobo.

12:00- ENGAIOLAMOS Á MARUXAINA: Todos os maruxainos, ataviados axeitadamente, xuntarémonos na Prazoleta, onde comezaremos un paseo pola vila ó son do corno e as gaitas. CONCURSO DE CARROS DE COMIDA Á HORA DOS VIÑOS.

14:30- XANTAR DE IRMANDADE: Na praia da Torno xuntarémonos coa familia e os amigos, comeremos, beberemos, cantaremos…. acompañados polas charangas.

19:00- XOGOS OLÍMPICOS MARUXAINOS: Competición de maruxainos nas diferentes especialidades: cucaña, carretilla, corda, carreira de sacos,… con dixestivos premios para os gañadores.

23:00- DESEMBARCO DA MARUXAINA: Mentres todos agardamos pola chegada da Maruxaina, algúns mariñeiros tráena para terra despois de terlle dado pesca; outros, con sinais luminosos, oriéntanos dende A Anxuela ata chegaren á beira. Ao mesmo tempo podemos gozar dun incomparable e marabilloso espectáculo de FOGOS DE ARTIFICIO. O resto dos maruxainos concentrados no Torno, berran pola serea ó son do corno e alumando cos candís.

00:00- GRAN XUÍZO POPULAR Á MARUXAINA representado por un grupo de persoas do pobo que tras xulgala, acompañados polos gaiteiros e todos os maruxainos levarémola á Praza dos Campos, onde o Grupo de baile bailará para a Maruxaina.

00:30- GRAN QUEIMADA POPULAR: Preparada polos expertos queimadores do pobo repartirémola, gratuitamente, entre todos aqueles que adquiran a cunca do 2014.

01:00- FESTA RACHADA: Coas orquestras ALARMA E METRÓPOLIS.

Exit mobile version