Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación promociona a provincia de Lugo a través de baixo pratos con información turística

Lugo, 1 de agosto de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este venres, xunto ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, e o vicepresidente da mesma a campaña promocional de achegamento da nosa cultura e dos lugares turísticos de referencia aos visitantes que se achegan á nosa provincia a través dos baixo pratos con información turística que se editan para seren distribuídos polos locais hostaleiros lucenses.

Segundo explicou Mario Outeiro, “a campaña consiste no reparto de 400.000 baixo pratos, ao longo destes meses, por toda a provincia de Lugo, entre os establecementos de hostalaría onde, nesta ocasión, se promocionarán as rutas fluviais que pon en marcha a Área de Turismo da Deputación: a dos Robles e Belesar, no río Miño, e a de Doade, no Sil, así como os museos pertencentes á Rede Museística: O Museo de Lugo, O Pazo de Tor, O Museo do Mar de San Cibrao, e o Museo Fortaleza de San Paio de narla, entre outros puntos de interese cultural e turístico”.

Así mesmo, o delegado de Cultura e Turismo destacou que “os baixo pratos proporcionan información básica moi útil para todos os turistas, de feito son moitos os que o levan para facer uso del e é moi común, tal e como se ten constatado en moitas ocasións, que o primeiro que fan os turistas antes de que os sirvan é apartar o prato para mirar no mapa onde están, cara onde van e que é o que van facer”.

Esta é unha iniciativa que se pon en marcha por oitavo ano consecutivo en vista da boa acollida tanto por parte dos hostaleiros, pola súa funcionalidade e servizo, coma polos turistas, que atopan nel a información básica para a súa viaxe e os seus días en Lugo. Nesta ocasión, a esta campaña publicitaria dos baixopratos súmase a iniciativa dun valo publicitario co slogan … E para comer, Lugo, en Madrid, máis concretamente no quilómetro 27 da A6 á altura de Las Rozas, un punto estratéxico tanto pola densidade de poboación como polo fluxo de tráfico, para presentar a provincia de Lugo como un reclamo turístico-gastronómico

Nesta liña, Cheché Real explicou que “visibilizar o noso slogan nun lugar tan estratéxico convértese nunha oportunidade para dar a coñecer a provincia lucense e lograr que deixe de ser un lugar invisible máis alá das nosas fronteiras; xa que as estatísticas sitúan a Madrid como o principal mercado turístico galego”. Asemade, o presidente da APELH amosou o seu agradecemento á Área de Turismo da Deputación por “axudar a pór en marcha iniciativas deste tipo, que contribúen a mellorar os índices turísticos en Lugo”.

Exit mobile version