Site icon Crónica3.com A Mariña

23 asociacións da Mariña participan no programa de benestar da Vicepresidencia da Deputación “Mo-Vémonos”

Barreiros, 2 de setembro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presenta este martes a asociacións e colectivos da comarca da Mariña o o programa Mo-vémonos, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica de exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social da cidadanía.

Un total de 23 asociacións da comarca da Mariña participan neste programa, coas que Antonio Veiga se reúne esta tarde ás 20:30 horas nas antigas escolas de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros. Entre as asociacións mariñás participantes no programa Mo-vémonos atópanse colectivos de persoas maiores, como a Unión Democrática de Pensionistas Val de Miranda da Pontenova; asociacións de carácter social como a Confederación Galega de Minusválidos da Mariña, a asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, ASPANANE, a asociación Camiña de Burela ou a asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro; e asociacións de veciños de distintas parroquias da Pontenova, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Riotorto e Trabada.

Baixo o lema Ximnasia no rural, deporte para todos e todas, a Vicepresidencia da Deputación pón en marcha este programa, que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome de Todos a xogar ou Tempos, e que levará ximnasia dúas veces por semana a un cento de asociacións e colectivos sociais de toda a provincia de Lugo, favorecendo a actividade física e a interrelación social de máis de 2.000 persoas. O programa dará comezo o vindeiro 15 de setembro e rematará no mes de xuño e vai dirixido a persoas maiores de concellos do rural de menos de 5.000 habitantes e a colectivos de persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.

“Un motivo para xuntarse e verse os veciños”
“Con este programa cubrimos unha demanda existente por parte das asociacións da provincia: achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande dispón”, explica o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga. Os dous grupos beneficiarios deste programa serán persoas maiores de concellos pequenos do rural e colectivos sociais de toda a provincia. “A posta en marcha deste servizo é a expresión das principais liñas de traballo da Vicepresidencia da Deputación durante estes últimos anos, nos que tentamos que todo o noso traballo vaia dirixido a mellorar o benestar das persoas que viven no rural, aos que a Xunta lles afasta cada vez máis os servizos, e dos colectivos en risco de exclusión, para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico”, dixo.

Antonio Veiga concluíu a súa intervención destacando a importancia destas sesións en canto “se converten nun motivo para reunirse, un motivo de encontro social, creando vida nas parroquias que cada vez están menos poboadas e presentan unha alta taxa de avellentamento na poboación, e que de non ser por iniciativas como a que hoxe presentamos, terían como único punto de reunión a misa dos domingos”.

Unha actividade totalmente gratuíta dúas veces por semana
O programa Mo-vémonos dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Poderán participar entidades de tódolos concellos da provincia. O fin desta liña é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.

A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais.

A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira, en ámbalas dúas liñas, para as cales se envía un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios; e coa que se pretende ofrecer unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e conseguir unha mellora da saúde. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa ascende a 185.760 euros.

As asociacións interesadas poden apuntarse ata o 15 de setembro
Na pasada edición, este programa deu cobertura a arredor de 2.000 usuarios, pertencentes a unhas 90 asociacións repartidas por toda a provincia; e dende a área de Benestar Social e Deporte contan chegar a ese número esta edición, xa que máis de 70 colectivos xa amosaron o seu interese pola iniciativa. O prazo para que aquelas asociacións que estean interesadas en recibir este servizo se apunten aínda está aberto. As inscricións poden formalizarse no enderezo electrónico deporte@deputacionlugo.org ou no teléfono 982260149. O programa comezará a impartirse o luns 15 de setembro e prolongarase ata xuño de 2015.

Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas.

ASOCIACIÓNS DA COMARCA DA MARIÑA PARTICIPANTES NO PROGRAMA MO-VÉMONOS:

ASOCIACIÓN CONCELLO
San Xulián de Vilaboa A PONTENOVA
UDP Val de Miranda A PONTENOVA
O Cazcallal BARREIROS
A Parrala BARREIROS
Asoc. Irmandade San Caetano Celeiro de Mariñaos BARREIROS
Asociación Camiña BURELA
Asoc. De Axuda ó enfermo mental “A Mariña” BURELA
A. Veciños Burgo de Trasbar CERVO
AA.VV. San Román de Vilaestrofe CERVO
A. Asistencial Virxe do Carme de Foz FOZ
Centro San Pablo e San Lázaro MONDOÑEDO
Fai Deporte MONDOÑEDO
Escola do Carmen MONDOÑEDO
As. Veciños o Castelo de Oirán MONDOÑEDO
Ana Belén Durán Martínez MONDOÑEDO
A.V. San Andrés de Masma MONDOÑEDO
Irmáns Vilar Ponte OUROL
COGAMI A Mariña RIBADEO
Asociación Arrincadeira RIOTORTO
Asociación Pobo de Miranda RIOTORTO
Asociación Os tres Pés TRABADA
ASPANANE VIVEIRO
AFAVI VIVEIRO
Exit mobile version