Site icon Crónica3.com A Mariña

50 bolsas de emprego máis para recén titulados e novos descontos do 50% na matrícula do Campus

novo-leonardoA Deputación aprobará este venres en Xunta de Goberno a terceira edición do programa Lugojob, que inclúe novas bolsas de emprego para mozos da provincia recén titulados. Son 50 becas Leonardo da Vinci. Están dirixidas a lucenses menores de 35 anos, con titulacións relacionadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. O seu obxectivo é mellorar a formación dos participantes, con prácticas en prestixiosas empresas de Europa, para facilitar a súa inserción laboral de volta no país. Con esta nova convocatoria, son 310 as becas Leonardo da Vinci postas en marcha pola Deputación na provincia nos últimos tres anos.

As bolsas son a custe cero para os mozos grazas ós fondos europeos que captou o organismo provincial. Están dotadas de 231.000 euros, financiados nun 70% pola Unión Europea e nun 30% con fondos propios da institución luguesa. A Deputación asume os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención, transporte local e de cursos de idiomas dos 50 bolseiros.

As becas teñen unha duración de 3 meses e medio. Nos primeiros 15 días, os beneficiados realizarán un curso de idiomas. Os restantes meses, farán prácticas en recoñecidas empresas, vinculadas coas súas profesións, en Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda, entre outros. Durante todo o proceso, contarán cun titor, que fará un seguimento continuado da súa formación.

O sábado, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicará esta convocatoria. O luns abrirase o prazo de 15 días naturais ata o 7 de outubro, incluído. Toda a información sobre as becas e o modelo oficial de inscrición estará en www.deputacionlugo.gal. Este ano serán adxudicadas as becas para que os mozos comecen coas súas prácticas a comezos do 2015.

De novo #paraestudarlugo
A Deputación e o Campus de Lugo puxeron en marcha esta semana a 2ª fase da campaña #paraestudarlugo. Prolongarase durante a nova fase de preinscrición de matrícula da USC: do 22 de setembro ó 3 outubro. Durante este período, o organismo provincial ofrece ós estudantes que se matriculan por primeira vez descontos do 50% en sete graos. Son: Enxeñería en Procesos Químicos Industriais; Enxeñaría Civil; Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. O organismo provincial xa ofreceu este plan de bolsas ós estudantes que se matricularon en xullo.

#paraestudarlugo procura promocionar Lugo como cidade universitaria e aumentar o número de matrículas nos diferentes graos da oferta formativa lucense. A campaña está centrada en tres obxectivos: a promoción da calidade de vida de Lugo, do Campus lucense como destino para os novos universitarios, ó ter unha das ofertas máis plurais de Galicia, e da matriculación en determinados graos que, durante os últimos anos, viron diminuír o número de alumnos.

Para elo, lanzouse o microsite http://paraestudarlugo.com, que recolle as principais características que definen á cidade e ó Campus. Esta campaña tamén está apoiada a través de diversas accións en redes sociais, tanto da Deputación de Lugo, como da Universidade de Santiago de Compostela, especialmente en Twitter, a través do hashtag #paraestudarlugo e en Facebook. Pódese atopar máis información en http://paraestudarlugo.com, nas contas de Twitter da USC (@UniversidadeUSC) e da Deputación de Lugo (@depulugo), así como na páxina de Facebook do organismo provincial, https://www.facebook.com/diputacionlugo.

Exit mobile version