Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous libros sobre o último títere tradicional galego: Barriga Verde

Lugo, 18 de setembro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participará ás oito desta tarde na presentación dos libros José Silvent, o mítico Barriga Verde, de Xaime Iglesias, e Morreu o Demo, acabouse a peseta, de varios autores. Esta presentación, encadrada dentro das actividades complementarias organizadas en torno á exposición Barriga Verde, de feira en feira, levarase a cabo na Sala de Exposicións da Deputación. Na mesma tamén tomarán parte o propio Xaime Iglesias e membros da asociación Morreu o Demo.

Mario Outeiro destacou a importancia da figura do Barriga Verde, que a moitos lucenses lles servirá para recordar a súa infancia. “É importante recuperar a tradición das antigas festas do país, coas que o Barriga Verde ten unha forte vinculación, formando parte da memoria de moitas xeracións de lucenses que lembran a súa presenza todos os anos no San Froilán e no resto de festas e romarías da provincia”, afirmou.

Así mesmo, o responsábel de Cultura da Deputación recordou a implicación do seu departamento “para recuperar a tradición dos monicreques, algo que tentamos este verán levando os títeres por toda a provincia de Lugo co programa ‘Cultura sobre rodas’”.

José Silvent, o mítico Barriga Verde
No libro José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, Xaime Iglesias traza a vida dun persoeiro que non naceu en Galiza, pero que respirou aires galegos dende ben novo. José Silvent acadou unha fama sen precedentes grazas a un espectáculo ambulante que percorreu festas e romarías e no que os monicreques, nomeadamente o heroe Barriga Verde, eran o elemento máis atractivo para o público. Con esta publicación trátase de dar a coñecer a vida, arte e realizacións deste titiriteiro que foi, sen dúbida, o último e máis popular da nosa terra durante o século pasado. Grazas ás súas excepcionais calidades persoais e artísticas converteuse no mítico Barriga Verde para un público que o aplaudía afervoadamente, así como para boa parte dos bonequeiros galegos.

Libro-DVD ‘Morreu o demo, acabouse a peseta’
Mentres tanto, Morreu o demo, acabouse a peseta toma o nome da mítica frase coa que nun tempo remataba os espectáculos o propio Barriga Verde. O seu nome aínda resoa na memoria de moitas persoas, mais o boneco e as formas daquel espectáculo corren o serio risco de caer no esquecemento. Para evitalo, este libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos de diversos autores complementan as imaxes do documental realizado por Pedro Solla. No mesmo, o Barriga Verde e os seus parentes europeos cobran vida. A fita foi subtitulada en sete linguas (galego, castelán, portugués, checo, francés, inglés e italiano) e contou cunha axuda á produción de AGADIC e a participación da TVG. No volume aparecen textos de autores como Comba Campoy, Germán Hermida, Xaime Iglesias, Marcelo Martínez, Pedro Solla e Toni Rumbau, así como as ilustracións de Heitor Real.

Exit mobile version