Site icon Crónica3.com A Mariña

870 participantes a falta dun día para o peche das inscricións na primeira media maratón Ribadeo – As Catedrais

Ribadeo, 2 de setembro de 2014. Unhas 870 persoas están inscritas xa na primeira media maratón Ribadeo-As Catedrais que se celebrará o vindeiro sábado, 6 de setembro, a partir das seis da tarde. Os datos deunos a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, quen se mostrou sorprendido co éxito desta proba deportiva. O responsable municipal recoñeceu que dende o Concello esperan chegar a completar as 1.000 inscricións inicialmente ofertadas, e recordou que o prazo continuará aberto ata este mércores 3 de setembro.

Fernando Suárez destacou que “a inscrición nesta media maratón de 21 km que partirá dende a vila de Ribadeo, ata a praia das Catedrais, está tendo un éxito moi notable. Celebrarase o vindeiro sábado, 6 de setembro, a partir das seis da tarde, e temos que dicir que a falta dun día para que se peche o prazo de inscrición, levamos nada máis e nada menos que 870 persoas apuntadas. Hai que destacar que é unha cifra multitudinaria, tendo en conta que é unha proba moi dura”. Para o rexedor ribadense “non é unha proba que estea ao alcance de calquera, senón que son 21 km cun itinerario que pode ser un pouco rompe pernas. Iso si, un itinerario precioso, xa que practicamente todo transcorre por carreiros de costa. Estes carreiros foron amañados precisamente agora pola empresa Tragsa, en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente e co Concello, e van ofrecer a posibilidade a que moita xente que non coñeza esta parte da nosa costa se poida marabillar mentres fai unha carreira dura”.

O alcalde afirmou que “ademais de ser un evento deportivo, esta carreira é tamén unha reivindicación sobre a necesidade de obter un parque natural para As Catedrais e para o litoral de Ribadeo. Confiemos en que esta carreira sirva de reclamo con tanta e tanta xente que está a vir dende fora e se está anotando, non só dende Ribadeo, senón dende toda a comarca e dende tódolos recunchos. Por iso, dende o Concello queremos animar a toda a xente que se queira anotar a que o faga rápido xa que quedan moi poucas horas. As prazas están limitadas a mil e moito me temo a que chegaremos a ese límite, ou estaremos moi cerca de facelo”.

Exit mobile version