Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura da Deputación de Lugo firma un convenio coa Federación de Libreiros de Galicia

cultura-libreirosLugo, 22 de setembro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, asinou este luns un convenio coa Federación de Libreiros de Galicia a través do que a área que dirixe lle proporcionará unha axuda de 8.000 euros a este colectivo. Está subvención servirá para colaborar coas seis feiras do libro que se desenvolven en municipios de Lugo. Acompañouno na sinatura a presidenta da federación, Pilar Rodríguez Álvarez.

Outeiro sinalou a importancia de apoiar un sector que fica esquecido pola administración autonómica e que ten unha presenza moi importante na provincia, con cinco feiras de libro novo e unha de libro antigo e de ocasión, que se desenvolve en Lugo. “Hoxe asinamos un convenio por valor de 8.000 euros coa Federación de Libreiros de Galiza co fin de garantir o funcionamento das feiras do libro da provincia de Lugo. Deste xeito, ás tradicionais feiras de Monforte, Viveiro, Lugo e Foz, súmase a Feira do Libro de Ribadeo, nunha aposta clara de colaborar cun sector, o do libro, claramente denostado pola Xunta de Galiza, ao igual que o resto da industria cultural galega”, indicou Mario Outeiro.

Segundo cálculos da propia Federación de Libreiros, as feiras lucenses gozan de boa saúde, xa que foron máis de 100.000 as persoas que visitaron algunha delas. Así mesmo, son máis de 50 os libreiros participantes nos certames que se desenvolven na provincia, que acolle seis das 18 feiras que se celebran en Galiza. Cronoloxicamente, a primeira tivo lugar en Lugo, en maio; seguida pola de Ribadeo, en xullo; e as de Viveiro, Foz e Monforte, que tiveron lugar no pasado mes de agosto. Pola súa banda, a Feira do Libro Antigo e de Ocasión celebrouse en Lugo entre o 28 de xuño e o 13 de xullo.

Fomento da lectura
Asemade das feiras do libro, a área de Cultura da Deputación tamén colabora no fomento da lectura apoiando distintas iniciativas. “Ao apoio ás feiras do libro hai que sumar os diversos programas de fomento da lectura levados a cabo en distintos centros de Infantil e Primaria da provincia de Lugo, ou a Semana do Libro, organizada en colaboración co Asociación Socio-Pedagóxica Galega. A maiores, a Deputación conta cun activo servizo de publicacións en galego sobre as temáticas máis interesantes relacionadas con Lugo”, lembrou o responsábel de Cultura da Deputación.

Exit mobile version