Site icon Crónica3.com A Mariña

Liga Céltiga Galaica denuncia o perigo do patrimonio arqueolóxico co traballo de maquinaria pesada na Área dos Penidos

penidosO pasado sábado 30 de agosto tivo lugar o 14º Encontro nos Penidos, un roteiro arqueolóxico de carácter anual que pretende divulgar e fomentar a protección da riqueza patrimonial da área dos Penidos, na parroquia de San Tomé, O Valadouro.

Dende o colectivo queremos salientar que os traballos de silvicultura que se están levando a cabo na zona (arado de terreos con maquinaria pesada para plantación de eucaliptos) poden chegar a pór en perigo certos elementos do patrimonio arqueolóxico se non se desenvolven con precaución. A Liga non está en contra da explotación forestal no lugar, mais esta actividade económica debe respectar a importancia cultural e o valor histórico desta área única.

Desta volta observamos como os devanditos traballos cegaron a entrada dunha cova que se atopaba na área da denominada Cova do Navallo.

Por outra banda, dende a Liga animamos ao Concello do Valadouro a que repoña os carteis indicadores que se atopan deteriorados, como pode ser o panel explicativo xeral que hai anos existía a escasos metros do curro do rapa, na actualidade consérvase o poste mais desapareceu a información.

Do mesmo xeito cómpre introducir certas correccións, como a indicación cara á anta do Padorno (popularmente coñecido como dolmen de San Tomé), na que é preciso aclarar a dirección na que se atopa o devandito megálito, xa que o feito de compartir indicación coa información xenérica da ruta do Penido fai que moitos visitantes sigan cara a adiante sen chegar a atopar a anta, ao non indicar que cómpre desviarse á dereita.

Exit mobile version