Site icon Crónica3.com A Mariña

A Aula CeMIT de Ribadeo impartirá nas vindeiras semanas os programas ‘Faite dixit@l’ e ‘Inform@tizámonos’

Ribadeo, 19 de setembro de 2014. As Concellarías de Sociedade da Información e Igualdade e a Aula CeMIT de Ribadeo organizan varias actividades para o último trimestre deste 2014. En total ofértanse 90 prazas.

A Aula CeMIT impartirá catro cursos do programa Faite Dixit@l! da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia. Neles abordaranse cuestións coma: configuración de dispositivos e uso de aplicacións móbiles; marca persoal; ferramentas web 2.0; e redes sociais. Os cursos, que comezarán en outubro e rematarán en decembro, desenvolveranse en horarios de mañá e de tarde para favorecer a asistencia d@s interesad@s.

O curso de configuración de dispositivos e uso de aplicacións móbiles está dirixido a desenvolver novas competencias dixitais no uso, configuración e programación de aplicacións sinxelas en dispositivos móbiles, como os comprimidos electrónicos e teléfonos móbiles intelixentes. Dito curso terá lugar do 6 ao 14 de outubro en horario de catro a oito da tarde e do 22 ao 30 de outubro de 10 a 14 horas.

O curso sobre redes sociais terá lugar do 13 ao 21 de outubro polas mañás en horario de 10 a 14 horas. E do 10 ao 18 de novembro polas tardes de catro a oito.

O curso sobre marca persoal abordará as novas competencias dixitais no desenvolvemento de estratexias de mercadotecnia online, comercio electrónico e vendas a través de internet. Este impartirase do 29 de outubro ao 6 de novembro en horario de catro a oito da tarde e do 26 de novembro ao 4 de decembro de 10 a 14 horas.

E o curso de ferramentas web 2.0, que permitirá aos asistentes mellorar a xestión, vixilancia tecnolóxica, selección e difusión de contidos e a visibilidade en redes sociais de persoas e empresas, así coma o coñecemento e uso desas ferramentas para plataformas de aprendizaxe Moodle, será do 3 ao 11 de novembro de 10 a 14 horas e do 19 ao 27 de novembro de catro a oito da tarde.

En total ofértase 72 prazas, 9 por cada curso e horario. As actividades terán unha duración de 25 horas repartidas en sesións diarias de 4 horas de luns a xoves. E serán impartidas a través do sistema de videoconferencia.

As preinscricións para asistir a estes cursos xa poden realizarse na Aula CeMIT de Ribadeo, situada na Casa da Xuventude, rúa Antonio Otero, 15, 2º ou no seguinte enlace: http://cemit.xunta.es/gl/centro/66.

O concelleiro Xavier Campos sinala que “son catro cursos para os que calquera ribadense interesado en participar o único que ten que facer é poñerse en contacto co telecentro e anotarse”. E engadiu que “ademais desde a Aula CeMIT estamos sempre cunha oferta constante máis básica, de iniciación á informática para persoas ou para colectivos, que polos motivos que sexa non están habituados a utilizar ordenadores ou internet. E tamén traballamos con cursos para colectivos específicos como amas de casa e temos en mente traballar en accións formativas no ámbito rural a través das escolas que contan con ordenadores. En calquera caso os interesados en coñecer a oferta formativa que temos no telecentro de Ribadeo anímoos a que se pasen por alí ou a que se poñan en contacto con Jorge, que é a persoa que neste momento imparte eses cursos”.

A Aula CeMIT tamén acollerá proximamente o curso Inform@tizámonos?. Están organizados en colaboración co Centro de Información ás Mulleres e teñen coma destinatarias ás mulleres de Ribadeo. Os días 1, 2, 8 e 9 de outubro impartirase na Aula CeMIT en horario de 11:30 a 13:00 horas. E no telecentro de Ove será os días 15, 16, 22 e 23 de outubro de 16:00 a 17:30 horas. O número de prazas que se ofertan para este curso de iniciación á informática é de 18. As preinscrición deben realizarse no CIM.

Exit mobile version