Site icon Crónica3.com A Mariña

A Banda de Música Municipal de Ribadeo e ex compoñentes ofrecerán un concerto a favor da loita contra o cancro infantil

Ribadeo, 18 de setembro de 2014. A asociación Amadores da Música convoca a todos os ex compoñentes da banda municipal de Ribadeo para integrarse de novo na formación co obxectivo de ofrecer un concerto especial en beneficio da loita contra o cancro infantil, que se celebrará na vila ribadense o 3 de xaneiro de 2015.

Anunciouno hoxe o presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, quen explicou que “queremos facer unha invitación aos ex músicos da banda para unha actuación moi especial. O día 3 de xaneiro vai haber un concerto en beneficio da asociación de loita contra o cancro de Ribadeo, en concreto enfocado ao cancro infantil. Entón parécenos que é un concerto no que todos debemos participar, como público e como músicos”.

A directiva de Amadores da Música dá a coñecer con tanta antelación esta actuación porque “os ex músicos que se queiran reincorporar á banda teñen que participar nos ensaios para ese concerto, que empezarán o día 10 de outubro para preparar as obras que ofreceremos nesa actuación. Por suposto todo o recadado nese concerto vai ser para a loita contra o cancro infantil”.

Pulpeiro espera que “moitos ex músicos se apunten, porque é un motivo bastante especial e pedímoslles que, por favor, vaian avisándose uns a outros porque para nós é moi complicado contactar con todos os que pasaron pola banda xa que non temos unha base de datos con esa información. Por iso parécenos que a mellor maneira é comunicalo a través dos medios e tamén que entre os músicos actuais e os ex compoñentes da banda nos animemos uns a outros para que ese día, nese concerto tan especial, a xente acuda a tocar e, por suposto, a oír esa actuación. Por suposto vamos contar coa colaboración da asociación contra o cancro de Ribadeo, que tamén vai estar na organización e esperamos un bo resultado”.

O presidente da asociación Amadores da Música explicou tamén que “as obras que se van interpretar non serán moi complicadas. Todos aqueles ex músicos que queiran volver engancharse coa música, que teñen abandonada por motivos diferentes, que se animen; o único que teñen que facer é comunicarllo ao director da banda e empezar os ensaios o 10 de outubro. A partir dese día faremos máis ensaios, loxicamente. A ver se entre todos somos capaces de animarnos uns a outros a participar nese concerto tan especial no que pretendemos que a banda estea formada por cantos máis músicos mellor”.

Exit mobile version