Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG acusa a Feijóo de “mentiroso e manipulador” ante o anuncio da reforma integral dos quirófanos do Hospital da Costa

Burela a 16 de setembro de 2014. A CIG Saúde, diante do anuncio do SERGAS e dos dirixentes populares da Mariña da realización e finalización da primeira “reforma integral” dos quirófanos do centro mariñao, quere realizar as seguintes aclaracións:

I. Producíronse reiteradas denuncias á EOXI de Lugo-Cervo-Monforte ante o afundimento do chan dos quirófanos, fisuras e outras anomalías incompatibles coa seguridade, a hixiene e a asepsia de calquera centro hospitalario en xeral, e duns quirófanos e dun servizo de esterilización en particular.

II. As anomalías detectadas son consecuencia da falla de mantemento e investimento real nun hospital con case 30 anos de vida.

III. Non obstante, a Xerencia Executiva só decidiu pechar os quirófanos para corrixir as anomalías detectadas e denunciadas tras da ameaza de denunciar a situación ante a Inspección de Traballo; o que tería como consecuencia o peche dos quirófanos ao non garantirse a seguridade para as/os doentes e incluso as propias traballadoras e traballadores.

IV. Agora, reábrense os quirófanos tras “parchear” o chan. É dicir, non houbo reforma integral e moito menos unha actuación que permita asegurar que “O SERGAS ABRE CINCO NOVOS QUIRÓFANOS NO HOSPITAL DA COSTA”, centro que conta co mesmo número de quirófanos que hai un mes.

Para CIG Saúde A Mariña “estamos ante un novo engano perpetrado polo PP de tentar vender os recortes e o deterioro da sanidade da Mariña como melloras” dentro dun plan global con fins claramente propagandísticos e electorais. Fronte a este desmantelamento, a CIG Saúde esixe a Feijóo un compromiso real coa sanidade pública da Mariña que permita recuperar unha atención sanitaria segura e de calidade para os mariñaos e as mariñás.

Exit mobile version